Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

luns 18 de maio de 2020

CCOO atendeu 28.000 consultas durante o estado de alarma

  • Tras implementar medidas de prevención, o sindicato retoma esta semana a atención presencial nos seus locais, para o que será necesario acudir con cita previa

Entre o 14 de marzo e o 14 de maio, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia atendeu unhas 28.000 consultas. A maior parte foron de afiliados e afiliadas, pero unha porcentaxe considerable (20 %) procederon de persoas sen vínculo previo co sindicato, o que «demostra que somos unha ferramenta útil para toda a clase traballadora», sinala o secretario xeral, Ramón Sarmiento.

Detalle das consultas atendidas por CCOO nos últimos dous meses

Detalle das consultas atendidas por CCOO nos últimos dous meses

Polo tipo de consulta, a maioría (86 %) tiveron relación directa ou indirecta coa COVID-19 e só un 14 % se referiron a outro tipo de cuestións.

Do total de consultas atendidas por CCOO durante o estado de alarma, case a cuarta parte (o 24 %, unhas 6700) versaron sobre os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). «Cómpre apuntar que máis de 200 000 galegos e galegas foron incluídos nun ERTE nos últimos dous meses», sinala Sarmiento.

Os restantes temas atendidos por CCOO foron sobre a prevención de riscos laborais (19 %), as incapacidades temporais derivadas da COVID-19 (13 %), os diferentes tipos de prestación a que se ten dereito debido á crise sanitaria (12 %), a conciliación da vida familiar e laboral (10 %) e os despedimentos (8 %).

O secretario xeral de CCOO salienta que toda a organización «se implicou e multiplicou» para afrontar «con garantías» os retos impostos por esta crise sanitaria, ata o punto de que cada delegado e cada delegada «se reconverteu axiña en delegado ou delegada de prevención, en experto na negociación dun ERTE e en referencia na súa empresa ou centro de traballo. Nisto consiste a grandeza do noso sindicato: nas persoas que fan parte del».

CCOO retoma a atención presencial

Así mesmo, o sindicato informa de que esta semana retoma a atención presencial nos seus locais, tras implementar nas últimas semanas medidas e protocolos de prevención. Para acudir ás sedes de CCOO, será necesario obter previamente unha cita —na web www.ccoo.gal están accesibles os contactos telefónicos— e respectar as indicacións do persoal sindical no relativo ao aforo, distancia social e medidas hixiénicas.

CCOO atendeu 28.000 consultas durante o estado de alarma

luns 18 de maio de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

Formulario de contacto do S. N. de CCOO de Galicia
Directorio dos locais de CCOO en Galicia

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas