Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

venres 22 de maio de 2020

CCOO esixe un plan de inspección para as residencias de maiores e de persoas con discapacidade

  • O sindicato trasladoulles ás Consellarías de Sanidade e Política Social un documento con achegas ao proxecto da Xunta de Galicia

Comisións Obreiras (CCOO) esixe un plan de inspección e comprobación dos plans de continxencia das residencias de maiores e de persoas con discapacidade, previo á reactivación dos centros prevista pola Xunta de Galicia. Isto deberase facer de acordo coa representación legal dos traballadores e das traballadoras, aclara o sindicato, que xa lles trasladou ás Consellarías de Sanidade e Política Social as súas achegas ao proxecto do Goberno autonómico, un documento que en termos xerais é «correcto», pero deixa sen concretar diversos aspectos que Comisións considera «fundamentais».

Residencia de maiores DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela

Residencia de maiores DomusVi San Lázaro, en Santiago de Compostela

CCOO ve positivo que o protocolo da Xunta sexa único para os centros públicos e privados, «o cal xa é un factor importante para evitar distintos ritmos na volta á normalidade neste tipo de centros», salienta o sindicato.

Establece a volta á normalidade por fases para as persoas usuarias, as residentes e para os seus familiares, impoñendo certos requisitos e mecanismos de control no intercambio entre fases e no réxime de visitas; tamén establece a reversibilidade das medidas adoptadas de dárense posibles casos sospeitosos ou positivos. Prevé así mesmo que para os centros que non teñan ATS nin persoal médico haxa unha persoa de referencia en atención primaria que active os protocolos precisos para realización das probas —PCR ou outras.

Con todo, o documento detalla diversas tarefas, necesarias para cumprir cos criterios sociosanitarios, pero en moitos casos non se concretan as responsabilidades correspondentes ou o xeito de levalas a cabo. Canto aos equipos de protección individual (EPI), o protocolo da Xunta deixa a porta aberta á reutilización en casos de desabastecemento. CCOO rexeita esta posibilidade e esíxelle á Administración autonómica que garanta a axeitada subministración de EPI a todo o persoal.

Así mesmo, CCOO pide incorporar no protocolo a regulación do traballo realizado por empresas externas aos centros —fundamentalmente as vinculadas a restauración, servizos funerarios e xestión de residuos—, xa que o persoal destes servizos tamén desempeña un papel relevante na contención da epidemia.

CCOO, ademais, bota en falta no documento a perspectiva dos centros residenciais de atención á dispacidade. Pola tipoloxía de persoas usuarias, con importantes necesidades de apoio, é difícil aplicar as medidas de distanciamento recomendadas.

Nas achegas remitidas ás Consellarías de Sanidade e Política Social, CCOO tamén formula observacións e recomendacións sobre cuestións tales como a organización dos equipos de traballo, a realización de probas pcr ao persoal e ás persoas usuarias das residencias, intensificar as medidas de limpeza das instalacións, a duración das diferentes fases e os requisitos para avanzar entre fases ou a provisión de equipos de videochamada para contacto cos familiares, entre outros aspectos.

CCOO esixe un plan de inspección para as residencias de maiores e de persoas con discapacidade

venres 22 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas
Información - Coronavirus - Noticias sindicais