Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 11 de xuño de 2020

CCOO pídelle á Xunta un diálogo «rigoroso» e anuncia unha «proposta autónoma» para a reactivación do país

  • O Goberno galego presentoulles o mércores aos axentes sociais o seu 'Plan de reactivación e dinamización'

Na tarde do mércores, a Xunta de Galicia presentoulles a Comisións Obreiras, UGT e a patronal CEG a súa proposta de 'Plan de reactivación e dinamización'. Tras analizalo a fondo, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, criticoulle ao Partido Popular a «confusión» entre o seu papel como partido e a Xunta de Galicia como institución. «Veriamos lóxico que esta proposta formase parte do programa electoral do PP, pero en Comisións entendemos que a gravidade do momento require un proceso de diálogo rigoroso, comprometido». Por esta razón, o sindicato elaborará unha «proposta autónoma que poremos en común con quen goberne o noso país os próximos catro anos».

CCOO pídelle á Xunta un diálogo «rigoroso» e anuncia unha «proposta autónoma»

CCOO pídelle á Xunta un diálogo «rigoroso» e anuncia unha «proposta autónoma»

O secretario xeral de CCOO pídelle ao Goberno que sexa «rigoroso» co proceso de diálogo, pero tamén co documento que lle presentou o seu grupo de expertos e que o sindicato está «empezando a estudar». Polo que se puido comprobar, no plan financeiro da Xunta «non hai moita receptividade» ás propostas que o grupo de expertos lle achegou ao Executivo galego, apuntou Sarmiento ao remate da reunión coa Xunta.

É un plan financeiro, non un plan de reconstrución

Segundo o dirixente sindical, a vontade da Xunta é «facer un plan financeiro, non un plan de reconstrución», no que o Goberno galego identifica as partidas susceptibles de poñer a disposición no próximo semestre. Son 850 millóns de euros de recursos que se moven, «pero dentro das mesmas consellarías», e no que se contabiliza a previsión de recepción de fondos estatais e europeos.

Ademais de afearlle o título «excesivamente rimbombante» do documento, CCOO sinaloulle ao Executivo autonómico que «as cousas hai que facelas razoablemente ben». O sindicato esixe que se explore un pacto de reconstrución, pero empezando por «identificar cales son as pancas estratéxicas», cales son os cambios que se deben acometer nas políticas públicas da Xunta, «que teñen moito que mudar». Despois, explica Sarmiento, haberá que acompañar ese acordo ou esas políticas públicas transformadoras de dotación orzamentaria e memoria financeira.

Cómpre explorar acordos amplos

O plan de contabilidade presentado polo Executivo autonómico «sitúase nesa especie de ansiedade por xerar noticias rechamantes nun contexto electoral», criticou o secretario xeral de CCOO. «Pedímoslle á Xunta que non se deixe levar por este ambiente previo a unha cita electoral». En opinión de Sarmiento, cómpre traballar «e explorar a posibilidade de acordos amplos»: no ámbito do diálogo social —cos axentes económicos e sociais—, coas diferentes institucións do noso país —concellos e deputacións— e tamén cos partidos «que dentro dun mes formen parte do Goberno ou da oposición».

CCOO pide eliminar a taxa de reposición

Por último, o secretario xeral de CCOO pediulle ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que lle traslade ao Goberno central a necesidade de eliminar a taxa de reposición no emprego público, unha cuestión «especialmente urxente no ámbito sanitario e dos servizos sociais».

CCOO pídelle á Xunta un diálogo «rigoroso» e anuncia unha «proposta autónoma» para a reactivación do país

xoves 11 de xuño de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas