Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

luns 13 de xullo de 2020

CCOO denuncia a Administración paralela da Consellaría de Cultura para as intervencións no patrimonio

  • O sindicato rexeita a privatización deste servizo público e critica que se utilicen fondos públicos para realizar labores que debería acometer o persoal propio da Xunta

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a existencia dunha «custosa Administración paralela» que opera ininterrompidamente desde hai dous anos na Consellaría de Cultura para as intervencións no patrimonio cultural galego. Neste tempo, a Xunta de Galicia gastou, como mínimo, un millón de euros nos anos 2019 e 2020 —o sindicato non posúe os datos de 2018— para privatizar un servizo público «de xeito que nin sae máis barato nin se garante un traballo de mellor calidade».

Laxe da Forneiriña, Campo Lameiro | Foto: Amaianos (Flickr)

Laxe da Forneiriña, Campo Lameiro | Foto: Amaianos (Flickr)

O último episodio constátase no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 9 de xullo, cando se publicou unha resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural na que se adxudicaba á empresa Tecnoloxía e Servizos Agrarios, S. A. (TRAGSATEC) a «execución do servizo técnico cualificado para a análise e informe das intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento».

Segundo CCOO, trátase dun traballo que deberían realizar arquitectos e arqueólogos da propia Consellaría, que teñen a condición de funcionarios públicos e presunción de veracidade nas súas actuacións. O sindicato critica que se encomende o labor a unha empresa que nin ten entre as súas finalidades este tipo de tarefas, nin conta con persoal especializado e formado para executalo, nin este pode tampouco contar coa devandita presunción de veracidade.

Cultura non crea prazas propias para xustificar a privatización

CCOO lamenta que, mentres Cultura privatiza servizos que lle son propios, non crea postos suficientes de arqueólogos e arquitectos na súa relación de postos de traballo (RPT). O sindicato insiste en que este labor deben realizalo profesionais «debidamente formados e cualificados» e que accederon á función pública mediante procedementos baseados no mérito e na capacidade. De feito, hai tres prazas de arquitectos e tres prazas de arqueólogos que están dotadas economicamente, «pero que se manteñen inexplicablemente sen cubrir».

Para o sindicato resulta «inadmisible» que Cultura fomente este «círculo vicioso» consistente en non crear ou non cubrir as prazas propias e, así, dispor dunha escusa para seguir privatizando servizos. Desde Comisións aclaran que este tipo de contratacións están reservadas para os casos en que non houbese persoal cualificado e especializado na Consellaría, «e sempre de xeito puntual e non recorrente no tempo».

Outras privatizacións na Consellaría de Cultura

CCOO alerta de que o recurso á Administración paralela non se limita a actuacións de patrimonio, senón que se están a converter en práctica habitual. Por exemplo, así aconteceu coa privatización do servizo de atención ao público e control das instalacións do Museo do Viño en Ribadavia —adxudicado a outra empresa polo importe de 66 187 euros durante o ano 2019 e prorrogado no ano 2020—, a concesión da explotación do parque arqueolóxico de Campo Lameiro, o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, o servizo de vixilancia e control de acceso do Museo Massó ou o control do patrimonio do Camiño de Santiago.

CCOO esixe a fin desta Administración paralela e que Cultura valore economicamente e reforce o seu cadro de persoal propio, deixando de derivar os traballos de inspección e avaliación a empresas subcontratadas «que o único que supoñen é un maior custo na prestación do servizo para as arcas públicas e non garanten unha maior eficacia na súa execución e desenvolvemento».

CCOO denuncia a Administración paralela da Consellaría de Cultura para as intervencións no patrimonio

luns 13 de xullo de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas