Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

mércores 2 de setembro de 2020

O paro rexistrado de agosto constata a finalización da contratación de temporada e a minoración da actividade

  • No último mes fixéronse nove contratos por cada nova alta á Seguridade Social; en Galicia, a contratación é un 25 % menor ca no mes anterior e un 31 % inferior á de hai un ano

Os datos publicados reflicten un aumento do desemprego de 1640 persoas, ao tempo que a afiliación medra en 7126. A precariedade e a intensa rotación no emprego explican esta situación, o que se pon de manifesto especialmente no feito de que se formalizaran 64 399 contratos para esa cifra de afiliación. Noutras palabras, no último mes concertáronse nove contratos por cada alta na seguridade social.

A actividade económica minora en Galicia, polo que CCOO esixe un plan de actuación

A actividade económica minora en Galicia, polo que CCOO esixe un plan de actuación

A día de hoxe, Galicia ten 176 951 persoas en desemprego e perdeu 24 000 postos de traballo desde agosto do ano pasado. Ademais, o dato da contratación é un 25 % inferior ao do mes anterior e un 31 % menor ca hai un ano. «Isto é moi preocupante», sinala a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, porque «evidencia a finalización da contratación de temporada e a minoración da actividade económica».

Se a isto se engade a situación sanitaria, con novos gromos non controlados, «atopámonos coa necesidade urxente de medidas de estímulo á actividade, de mantemento do emprego e de apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal». Por esta razón, Bouza urxe a Xunta a implementar un plan de recuperación económica e social para que Galicia recupere a actividade e o emprego perdido por causa da pandemia.

Paro rexistrado

O paro medra na comunidade autónoma ata alcanzar as 176 951 persoas desempregadas. En agosto houbo 1640 persoas inscritas máis ca no mes anterior, mentres que o aumento do desemprego é maior ca no conxunto do Estado: 0,94 % en Galicia fronte ao 0,79 % estatal.

O paro aumenta case cinco veces máis entre as mulleres ca entre os homes: 1640 desempregadas máis por 348 desempregados, polo que as galegas soportan o 57 % do desemprego no país. Por idades, prodúcese unha situación similar, pois o desemprego sobre moito máis entre as persoas de maior idade: 196 máis entre as desempregadas menores de 25 anos e 1454 entre as que superan esa idade.

Por sectores, o desemprego case non varía no sector primario, mentres que se reduce o 1 % na construción e medra no resto: 2 % na industria, 0,5 % nos servizos e 5 % no colectivo de sen emprego anterior.

Análise da contratación

En maio rexistráronse en Galicia 64 399 contratos, dos que 59 240 foron temporais. Isto é, só nove de cada cen contratos tramitados foron indefinidos. Ademais, redúcese tanto a contratación indefinida como a temporal. Segundo Bouza, a crise en que nos atopamos «reflíctese con crueza» na evolución interanual da contratación, cunha caída do 31 % canto ao número de contratos rexistrados: en agosto de 2019 formalizáronse 93 629, mentres que este ano só foron 64 399.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, hai 7126 persoas cotizantes máis respecto á media do mes anterior, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 012 79. A recuperación da afiliación céntrase no réxime xeral (9865 afiliacións máis), que acada 783 577 afiliados e afiliadas, mentres que os de autónomos e mar case non medran (243 e 25 afiliacións máis, respectivamente) e contan con 208 584 e 20 633 persoas afiliadas.

Prestacións por desemprego

No mes de xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 150 718 persoas. Delas, 99 517 percibiron unha prestación contributiva; o resto, 51 201, subsidios. Unha parte importante das prestacións contributivas segue correspondendo ao mecanismo dos ERTE, «garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno central, cuxas prórrogas se pactaron cos axentes sociais», explica Bouza. Ao rematar o mes de agosto, 31 348 traballadores e traballadoras seguían aínda nun ERTE.



 

O paro rexistrado de agosto constata a finalización da contratación de temporada e a minoración da actividade

mércores 2 de setembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Igualdade
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros