Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

xoves 3 de setembro de 2020

Ramón Sarmiento: «Galicia precisa acordos para afrontar os desafíos desta complexa conxuntura»

  • O secretario xeral de CCOO foi entrevistado sobre cuestións de actualidade como o diálogo social, a prórroga dos ERTE, o teletraballo e os desafíos industriais

«Galicia precisa non só diálogo, senón un necesario acordo», porque «é o que demanda o conxunto da sociedade». Así o expresou o mércores o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Ramón Sarmiento, na entrevista concedida ao programa Bos Días, da Televisión de Galicia. Desde os estaleiros Vulcano (Vigo), onde posteriormente participou nunha asemblea cos extraballadores, o dirixente sindical explicou a posición de Comisións Obreiras sobre cuestións de actualidade como o diálogo social, a prórroga dos ERTE, o teletraballo e os desafíos industriais.

O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Televisión de Galicia

O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Televisión de Galicia

Sobre o diálogo social, Sarmiento apuntou que é unha necesidade, máis aínda «nunha conxuntura tan complexa como a actual». Segundo indicou, Galicia ten por diante desafíos que xa estaban antes da crise económica e da pandemia, pero «hai outros novos que debemos afrontar no ámbito da protección social, no coidado dos nosos maiores ou da nosa sanidade».

A «demanda prioritaria», matizou, é que a vontade de apostar por este diálogo sexa «real». Na súa opinión, o luns «deuse un paso» ao anunciar o presidente da Xunta en funcións que creará unha comisión parlamentaria para a reconstrución do país.

Segundo o secretario xeral de CCOO, o mercado de traballo en Galicia debe mellorar a través da propia mellora dos convenios colectivos. Tamén, identificando no ámbito local as oportunidades no campo das transicións ecolóxica, tecnolóxica e enerxética. Son tres eixes con potencial no noso país e que «van vertebrar os fondos de reconstrución europeos». Na mesma liña, a mellora da calidade do emprego «é a mellor resposta á nosa situación demográfica», apuntou.

Máis eficacia na xestión de fondos públicos

Na entrevista, Sarmiento apelou á necesidade de que Galicia sexa máis eficaz na xestión dos fondos públicos por parte das Administracións, asumindo que as políticas públicas «precisan mecanismos de supervisión» para esta finalidade. «As nosas Administracións teñen que ser moito máis funcionais, moito máis áxiles e moito máis dilixentes», salientou ao tempo que reprochou «que a estas alturas do século XXI sigamos falando da necesidade de contarmos en Galicia cunha xanela única; sóanos a desafíos que levan estruturalmente moito tempo pendentes de resolver».

Unha nova cultura empresarial

Nunha comunidade autónoma como a galega, caracterizada por un tecido empresarial de pequena e mediana empresa, «debemos deixar de lamentarnos de que Galicia sexa un territorio con poucas empresas grandes», sentenciou Sarmiento, ao tempo que avogou por unha nova cultura empresarial. «A través de procesos de diálogo, que teñen que xogar un papel dinamizador, debemos implicar a nosa pequena empresa no ámbito sectorial e nunha cultura cooperativa».

Na súa opinión, a Administración «ten que asumir que, para dinamizar a economía e ter sectores onde hoxe non temos, a participación pública debe ser moito máis relevante. A política sectorial non pode limitarse a facer unha repartición de axudas» a empresas con capacidade de solicitalas. «Galicia, da man da cultura de cooperación entre varias empresas, ten oportunidades de optar a proxectos europeos ambiciosos. Cultura cooperativa na que se vexa como un activo a colaboración entre pequenas e medianas empresas», insistiu o secretario xeral de CCOO.

Acordo sobre o teletraballo

Preguntado pola regulación do teletraballo, Sarmiento viu «razoable» prever que se chegue a un acordo, «outra cousa é se se tramitará como real decreto ou lei ordinaria». O traballo a distancia «vén para quedar, cunha dimensión moi superior á de antes da pandemia». Na súa visión, «ten ámbitos de oportunidade, pero tamén desaxustes canto á repartición de custos e de esforzos, polo que se precisa unha normativa básica», mentres que a regulación polo miúdo se fará nos convenios colectivos.

Prórroga dos ERTE

Canto aos ERTE, o secretario xeral de CCOO manifestou o seu convencemento en que «se van prorrogar», porque o rebrote «virulento» de agosto fai prognosticar que a viabilidade de certos sectores se verá comprometida a curto prazo. Grazas ao mecanismo dos ERTE, que contaron coa intervención sindical, conseguiuse manter un alto volume de emprego e isto constitúe «un gran capital e non podemos cortar agora as liñas de apoio a traballadores e empresas». Recoñeceu que manter este instrumento é un «esforzo enorme», pero necesario para «soster o tecido económico e o emprego». Na mesma liña, apuntou que os fondos europeos tamén están para manter este tipo de medidas a medio e longo prazo.

Situación de Alcoa-San Cibrao e Vulcano

Desde a ría de Vigo, o secretario xeral de CCOO avogou pola continuidade da unidade produtiva dos estaleiros Vulcano, actualmente en liquidación. Sarmiento puxo en valor que, malia a situación complexa do sector naval, ningunha das súas instalacións ou capacidade produtiva, «máis aló de paros temporais», foi desmantelada. «Ese é o maior activo que temos», enfatizou o dirixente sindical.
Canto ao futuro do estaleiro, referiuse a «proxectos que teñen a intención de manter as instalacións de Vulcano vinculadas ao sector naval», polo que reprochou que o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, teime en actuacións que impedirían retomar a actividade industrial.

«Precisamos un presidente que non exerza persoalmente funcións que non lle competen, que tome decisións unilaterais sen sometelas ao Consello do porto», advertiu Sarmiento. Por esta razón, aproveitando que a Xunta de Galicia nomeará nos próximos días un gran número de altos cargos, pediu unha remuda á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo, sobre todo nun momento en que a maioría do Consello do porto si que aposta pola continuidade da actividade industrial nos terreos portuarios.

Sobre Alcoa, o secretario xeral de CCOO sinalou que «temos un mes por diante» de negociacións entre dúas multinacionais nas que haberá «múltiplas arestas». «Probablemente vexamos nas próximas semanas momentos de máis tensión nesa negociación» e avanzou que talvez ata o último momento non se despexe a incógnita de se en Alcoa-San Cibrao se abrirá «un novo capítulo, esperemos que esperanzador, cun investidor solvente, cun proxecto concreto ao que lle haberá que dar viabilidade». Neste sentido, gabou que haxa un amplo consenso no conxunto das Administracións e pediu «que remen o suficiente» para facelo viable, porque A Mariña e o persoal de Alcoa o precisan. «Se hai abonda vontade política, porque parece que a vontade do investidor privado está aí, non debería haber obstáculo insalvable para chegar a un acordo», concluíu o Sarmiento.

Ramón Sarmiento: «Galicia precisa acordos para afrontar os desafíos desta complexa conxuntura»

xoves 3 de setembro de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

[Vídeo] Entrevista completa

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Igualdade
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros