Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

martes 8 de setembro de 2020

A Federación de Sanidade de CCOO lamenta que os PAC sexan «os grandes esquecidos» para o Sergas

  • O sindicato pídelle á Xunta o mesmo «sentidiño» que a Administración lle reclama á cidadanía

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia lamenta que os puntos de atención continuada (PAC) sexan «os grandes esquecidos» para o Sergas. Segundo o sindicato, a Xunta de Galicia non tivo en conta a situación destes centros á hora de publicar, o pasado 28 de agosto, a orde que modifica as medidas de prevención fronte á COVID-19 e aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para os centros educativos (DOG n.º 174 bis).

Punto de atención continuada (PAC) de Santiago de Compostela

Punto de atención continuada (PAC) de Santiago de Compostela

Segundo CCOO-Sanidade, o protocolo da Xunta, na páxina 77, indica que a familia dun neno ou nena con sospeita de contaxio «deberá solicitar unha consulta telefónica co seu pediatra para que este avalíe a necesidade de pedir un test diagnóstico. Se non houber cita para ese mesmo día, acudirá ao PAC para a valoración polo médico de atención primaria».

Para a secretaria xeral da Federación, Emilia Lamas, isto introduce unha «incongruencia» respecto das recomendacións xerais, «que ata o momento eran ben claras: quedar na casa, illado ou confinado». A Federación de Sanidade lembra que aos PAC acoden as urxencias sen cita e doentes con patoloxías crónicas, polo que non entende que os casos sospeitosos de COVID-19 tamén se acheguen ás mesmas salas de espera. Ademais, Lamas lembra que a familia dun neno ou nena con sospeita de COVID é, pola súa vez, sospeitosa de ter ou poder transmitir a doenza.

Espazos libres de COVID-19

«Os profesionais sanitarios están facendo un esforzo por lograr espazos libres de COVID e evitar a exposición innecesaria a esta doenza», salienta Lamas. A sindicalista explica que a maioría dos PAC teñen salas de espera pequenas que non se poden adaptar á nova situación, nin tampouco facer circuítos diferenciados. A isto cabe sumar que o persoal dos PAC é o primeiro en sufrir a falta de equipamentos de protección (EPI) ou de circuítos de lavado e limpeza dos vehículos e roupa que utilizan.

Por esta razón, nun momento en que os centros de saúde maiormente atenden consultas pola vía telefónica e o persoal dos PAC está a ser «o máis áxil posible» na atención presencial, «o que xa de seu ocasiona unha sobrecarga de traballo», CCOO-Sanidade discrepa desta previsión recollida no protocolo e esíxelle á Administración o mesmo «sentidiño» que esta lle reclama á cidadanía.

Promesas incumpridas

Por último, a secretaria xeral de CCOO-Sanidade lembra que o acordo que levou á fin da folga dos PAC recollía uns compromisos que, polo de agora, non se cumpriron. «Por responsabilidade ante esta pandemia, non alzan a voz», apunta Lamas. Entre outras cuestións, a Xunta comprometérase a aumentar os cadros de persoal e a dotar os centros de recursos materiais suficientes.

A Federación de Sanidade de CCOO lamenta que os PAC sexan «os grandes esquecidos» para o Sergas

martes 8 de setembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Igualdade
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros