Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

xoves 1 de outubro de 2020

CCOO logra que a Xustiza recoñeza o dereito do persoal laboral da USC ao fondo de acción social dos anos 2018 e 2019

  • O TSXG repróchalle á Universidade de Santiago a «absoluta falta de vontade negociadora» e condénaa a indemnizar economicamente a Comisións por vulnerar o dereito á negociación colectiva

Os servizos xurídicos de Comisións Obreiras (CCOO) acaban de lograr que a Xustiza lle recoñeza ao persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o dereito a acceder ás axudas do fondo de acción social dos anos 2018 e 2019. O sindicato denunciara a Universidade por negarse a negociar, a constituír e a realizar achegas ao dito fondo e, de xeito específico, ao plan de pensións dos mencionados exercicios.

A Xustiza repróchalle á USC pola súa falta de vontade negociadora

A Xustiza repróchalle á USC pola súa falta de vontade negociadora

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dálle a razón a CCOO e afirma que a USC vulnerou os dereitos de negociación colectiva e liberdade sindical. Ademais, dálle un prazo de trinta días para negociar as contías definitivas.

A demanda de CCOO formulouse unha vez que no ámbito estatal se suprimiu a prohibición de realizar achegas ao plan de pensións ata completar o previsto no convenio colectivo. Porén, a Xerencia da USC negouse a este punto ao entender que o convenio non a obrigaba, polo que decidiu non retomar as achegas.

O TSXG rexeita esta interpretación e dálle a razón a CCOO. Deste xeito, a sentenza recoñece o dereito dos traballadores e das traballadoras da USC a que se faga esa achega, e a súa contía será consonte ao artigo 87 do convenio colectivo, no que regula o fondo de acción social, e a través dun proceso negociador entre as partes que deberá producirse no prazo de trinta días.

A USC deberá indemnizar a CCOO

A Sala do Social do TSXG repróchalle á Universidade a súa «absoluta falta de vontade negociadora», unha estratexia que «parece máis ben encamiñada a bloquear e impor rixidamente a súa decisión de non continuar con esas achegas, xa adoptada, sen ofrecer alternativas nin sequera permitir discutir ou dilucidar acerca da contía que legal ou convencionalmente resulte procedente a teor da normativa aplicable».

Así mesmo, a sentenza ve probado que se vulnerou o dereito de CCOO á negociación colectiva, polo que fixa unha indemnización para o sindicato de máis de tres mil euros.

Un novo éxito para a clase traballadora

CCOO congratúlase deste novo éxito dos seus servizos xurídicos para recuperar dereitos da clase traballadora e agarda que, dada a «rotundidade» da sentenza, a USC lle dea «inmediato cumprimento», chegando a un acordo sobre as contías no prazo estipulado.


 

CCOO logra que a Xustiza recoñeza o dereito do persoal laboral da USC ao fondo de acción social dos anos 2018 e 2019

xoves 1 de outubro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade