Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

venres 9 de outubro de 2020

A fraude da igualdade laboral: cando os plans de igualdade son un mero trámite

Moitos plans de igualdade que están a presentar no REGCON as empresas galegas son meras sinaturas dun documento a través do cal ter acceso a algún tipo de axuda ou ao concurso para prover servizos á Administración pública, pero non representan un verdadeiro compromiso coa implantación da igualdade e a erradicación das discriminacións de xénero no mundo laboral.

O Gabinete de Igualdade de CCOO está ao servizo da clase traballadora

O Gabinete de Igualdade de CCOO está ao servizo da clase traballadora

Fonte: Gabinete de Igualdade de CCOO. É un feito que a sociedade en que vivimos está aínda moi asentada nos máis tradicionais estereotipos e roles machistas. Pero faise aínda máis flagrante cando nos atopamos con plans de igualdade rexistrados (polo tanto, públicos) que demostran que tras o seu asinamento soamente existe un interese económico que nada ten que ver coa consecución real dun mercado laboral libre de discriminación ás mulleres.

De feito, durante moitos anos, desde a publicación da norma 3/2007 (a lei de igualdade española máis ambiciosa con respecto a este tema), os plans asinábanse e metíanse nun caixón.

Acaso os comités de empresa asinan un convenio para logo metelo nun caixón e seguir actuando baixo as normas convencionais e orais que viña exercendo a súa empresa (ou sector) ata o momento? Non!
Cando asinamos un convenio, convertémolo no libro de cabeceira fronte a calquera contratempo coa empresa. É un mecanismo de defensa dos dereitos das persoas traballadoras que defendemos e promovemos acotío.

Pois iso mesmo é o que teriamos que facer cos plans de igualdade, cuxa finalidade, como xa nos cansamos de repetir ata a saciedade desde todos os púlpitos aos que temos acceso, é mellorar a vida das persoas traballadoras dentro da empresa, tanto das mulleres coma dos homes.

Desgraciadamente, esquecemos demasiado a miúdo que os dereitos das mulleres son, simple e sinxelamente, dereitos humanos. Omitimos nos nosos discursos e loitas que a Constitución española, pero tamén a normativa europea e as directrices da ONU, afirman que o mundo ten que deixar de centrarse nesa visión androcéntrica e discriminatoria para incluír a metade da súa poboación e facilitar unha transición a unha vida mellor para todo o mundo. Seguimos os mesmos patróns e hábitos que hai un século, obviando que desde hai máis tempo leva a loita feminista tentando converter as sociedades da nosa terra en lugares habitables, seguros, cómodos e prósperos tamén para as mulleres.

As nenas que soñan con ser enxeñeiras, condutoras de tren ou astronautas seguen atopándose con moitísimos impedimentos, sutís e camuflados moitas veces. Xa no espazo supostamente imaxinativo que é o xogo, a través de xoguetes que promoven unha diferenciación de xénero específica. As nenas que non lles gustan o rosa, as saias ou a maquillaxe aínda hoxe en día son consideradas extravagantes. E, non digamos o que se pode escoitar en calquera foro se un neno dá en xogar a coidar dunha boneca!

Pois eses pasos focalizados cara ao comportamento nesgado polo sexo e os estereotipos de xénero son os que levan a que a adolescencia e a vida adulta se desvíen cara aos patróns establecidos segundo o xénero, os cales denotan unha sociedade desigualitaria e discriminatoria.

No mundo laboral, todo este proceso, que ten lugar durante o período socializador a través da educación formal, abócanos a establecernos nos sectores e postos que se consideran máis adecuados segundo sexamos mulleres ou homes. De novo, elas serán xulgadas duramente se se "infiltran" en profesións ou cargos tradicionalmente masculinos. Porén, eles, aínda que segundo en que profesións (por exemplo, en mestrías de infantil ou garderías), terano case tan difícil como as mulleres nas forzas de seguridade do Estado, por poñer un exemplo manido en grao sumo.

Por todo isto, os plans de igualdade descóbrense como unha ferramenta imprescindible e sumamente útil, xa que modifican desde o interior un sistema que está mal estruturado desde os pasos iniciais da socialización, e iso permeabiliza as mentes das persoas que os elaboran e mais as daquelas que se ven favorecidas polas medidas que promoven. Pero, ollo!, isto só ocorre cando eses plans de igualdade se poñen efectivamente en marcha dentro das empresas, cando o compromiso co cambio é real e cando se reeduca as persoas para que comprendan todas as vantaxes que supón vivir en igualdade de condicións.

Os sindicatos temos unha responsabilidade forte neste campo, pero tamén a teñen as empresas, a Administración pública e os Gobernos.

É evidente que se predica co exemplo, así que o noso labor é asegurarnos de que naqueles plans de igualdade nos que participemos e teñamos representación na comisión de igualdade (tanto nas empresas públicas como nas privadas) se cumpra cos obxectivos pactados e sexan tratados coa mesma legalidade e importancia que calquera convenio colectivo. Para iso, a nosa tarefa dentro da comisión non remata co asinamento do plan, senón que se converte nun proceso constante de vixilancia e avaliación de avances e resultados.

Temos que asegurarnos de que os plans que asinamos están ben desenvolvidos, pero, sobre todo, temos que conseguir que se poñan en práctica e se convertan nese manual de cabeceira ao que acudir cada vez que xurda na empresa algunha dúbida sobre a igualdade e a non discriminación entre sexos.

Aproveitando a creación da nova Consellaría de Emprego e Igualdade, que entendemos que quere amosar o compromiso do Goberno na loita pola igualdade entre as mulleres e os homes galegos, queremos lembrarlle á conselleira a súa obriga coa igualdade laboral. Instamos a María Jesús Lorenzana a exercer desde o seu departamento labores de concienciación, pero tamén de vixilancia, para que o desenvolvemento dos plans de igualdade e a posta en marcha das auditorías e rexistros salariais nas empresas galegas cumpran co seu cometido: promover a erradicación da fenda de xénero no mercado laboral galego.

Estas novas engrenaxes, xurdidas do diálogo social, teñen que favorecer a loita contra a discriminación e a desigualdade no mercado de traballo a través do esforzo colectivo, pero sobre todo, coa vontade suficiente.

O compromiso do sindicato de CCOO coa igualdade é un feito. Agora, esixímoslle á Consellaría e á Secretaría Xeral de Igualdade —onde recunca Susana López Abella— que amose esforzos para que o noso labor desde as negociacións nas empresas obteña uns verdadeiros resultados de equidade. A curto prazo, esperamos que os departamentos encargados de recibir e rexistrar os plans de igualdade realicen un labor de cribado sustentado no coñecemento da transversalidade da perspectiva de xénero. A longo prazo, agardamos que o devandito cribado mellore substancialmente as circunstancias ás que se enfrontan as mulleres galegas no mercado laboral.

Defendendo os dereitos humanos, promovemos o cambio cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria: mellor para todas as persoas e organizacións!

A fraude da igualdade laboral: cando os plans de igualdade son un mero trámite

venres 9 de outubro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas
Servizos - Gabinete de Igualdade - Actualidade