Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

xoves 15 de outubro de 2020

Dezaseis xornadas de loita do persoal da Consellaría de Política Social esixindo negociación

O persoal laboral da Consellaría de Política Social chegou este xoves, 15 de outubro, ás dezaseis semanas de mobilización diante dos centros de traballo para esixir unha negociación sobre as súas condicións laborais. A Consellaría, porén, négase nin sequera a escoitar as reivindicacións.

Unha das concentracións deste xoves

Unha das concentracións deste xoves

Os sindicatos CIG, CCOO, CISF e UGT pídenlle á conselleira, Fabiola García, que free os abusos ao seu persoal e que atenda as reivindicacións. Para isto, ínstana a negociar as condicións de traballo, tanto do persoal dos centros de atención da propia Consellaría, como do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

As catro organizacións lembran que estamos en plena segunda vaga da COVID-19 e a Xunta non preparou axeitadamente os seus centros. Esixen a fin dos abusos, da explotación, da saturación, da desprotección, da externalización e da falta de medios materiais. «Non se pode seguir a sobrecargar nin abusar dun servizo que está ao límite», advirten.

Os sindicatos demandan a apertura dunha mesa de negociación para tratar a devolución dos artigos do convenio recortados no 2020; a defensa duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade; o incremento de prazas públicas de xestión directa; a fin da precariedade no sector público e a transformación dos contratos parciais noutros a xornada completa.

Dezaseis xornadas de loita do persoal da Consellaría de Política Social esixindo negociación

xoves 15 de outubro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas