Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

venres 13 de novembro de 2020

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia o reforzamento dos servizos públicos nos orzamentos do 2021

  • O sindicato insta o Goberno autonómico a dar un «xiro de cento oitenta graos» na planificación estratéxica para «optar con éxito» aos fondos europeos

O xoves tivo lugar en Santiago de Compostela unha nova reunión no marco do proceso de diálogo social entre a Xunta de Galicia, a patronal e os sindicatos. Neste encontro analizouse a situación económica e o cadro macro dos orzamentos da Xunta para 2021, pero tamén as oportunidades para a reconstrución que abren os fondos Next Generation para a recuperación da zona euro.

Un momento da reunión do diálogo social. En primeiro termo pola esquerda, o secretario xeral de CCOO

Un momento da reunión do diálogo social. En primeiro termo pola esquerda, o secretario xeral de CCOO

Na xuntanza, Comisións esixiu que os próximos orzamentos reforcen os servizos públicos, especialmente a sanidade, a educación, os servizos sociais, a dependencia e a protección social. «Cómpre mellorar o emprego asociado, as prestacións e os servizos», explica o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento.

Ademais, o sindicato pediu a participación da Consellaría de Política Social neste proceso, co obxectivo de poderlle trasladar directamente as propostas en materia de dependencia e conciliación. CCOO coida «imprescindible» que os próximos orzamentos teñan «fondos dispoñibles abondo» para a atención sanitaria e tamén para incluír no rescate social os colectivos e as familias máis prexudicadas pola crise.

Reconstrución económica

Canto á reconstrución económica, CCOO instou a Xunta de Galicia a concretar a modalidade de participación público-privada nos diferentes proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation, pero sobre todo a dar un «xiro de cento oitenta graos» na planificación estratéxica, especialmente atendendo ao calendario anunciado, con comezo en abril de 2021, prazos de adxudicación en decembro de 2023 e de execución en decembro de 2026.

En opinión do sindicato, isto require, por unha banda, que a Xunta tome a iniciativa para axilizar a burocracia, e insistiu nunha vella reivindicación: o portelo único para tramitar proxectos ou iniciativas de vital importancia para o país. Iniciativas como as políticas de destrabe despregadas en Portugal dan conta da relevancia de tomar a iniciativa para que Galicia dispoña dunha axencia que centralice a xestión dos distintos requirimentos sectoriais e licenzas que un proxecto pode requirir.

CCOO incide na necesidade de aplicar a innovación e a tecnoloxía tamén na planificación estratéxica para o cambio do noso modelo produtivo, así como na avaliación das políticas públicas; e na utilización de ferramentas tecnolóxicas avanzadas, como as deseñadas nos contornos Nexus CLEW —siglas en inglés para clima, territorio, enerxía e auga—, así como a participación activa do coñecemento e do talento albergado nas nosas universidades públicas, polas que hai que apostar, así como concitar a participar activamente no proceso.

Xerar máis e mellor emprego

Por último, Comisións Obreiras deixou patente a súa «disposición a participar no deseño» de políticas públicas e apoiar proxectos «que faciliten o cambio de modelo produtivo que precisa Galicia». Todo isto, co obxectivo de «xerar máis e mellor emprego». Con todo, para que isto sexa posible, «a Xunta deberá abandonar o seu "modo propaganda" e vestir o mono de traballo», sentencia Ramón Sarmiento.

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia o reforzamento dos servizos públicos nos orzamentos do 2021

venres 13 de novembro de 2020

Documentos relacionados

NP

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Igualdade
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros