Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

martes 17 de novembro de 2020

CCOO demanda un plan de choque para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia

  • O sindicato coida necesario abrir un marco de diálogo social tripartito co obxectivo de debater as medidas que se han adoptar para mellorar o sistema, especialmente polo impacto da covid-19

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia demanda un plan de choque «con recursos abondos» para restituír a calidade e suficiencia das prestacións do sistema de atención á dependencia (SAAD) e mellorar as condicións laborais dun sector que emprega a case 40 000 persoas na comunidade autónoma. Así o expresaron esta mañá en Santiago de Compostela portavoces do sindicato na presentación do estudo 'O sistema de atención á dependencia en Galicia: prestacións e emprego'.

De esq. a der., Carmen Villar, Maica Bouza e Alfonso García, na presentación deste estudo

De esq. a der., Carmen Villar, Maica Bouza e Alfonso García, na presentación deste estudo

Desde o sindicato coidan que se debería abrir un marco de diálogo social tripartito co obxectivo de debater as medidas que se deberían adoptar no marco do dito plan. Segundo a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, a crise por mor da covid-19 «sacou á luz» as debilidades do sistema en Galicia, pero tamén «puxo en evidencia» a importancia de coidar as persoas en situación de dependencia. Por esta razón, cualifica de «urxente» a posta en marcha dun plan de choque.

Segundo a dirixente sindical, na data do 30 de setembro de 2020, traballan en Galicia 38 400 persoas en actividades relacionadas cos servizos á dependencia. Destas, 18 000 fano en actividades de servizos sociais sen aloxamento e 20 400 en establecementos residenciais. Cabe salientar que o groso do persoal do sector —ao redor do 90 %— son mulleres que traballan en condicións precarias e con baixos salarios.

Problemática laboral e condicións de traballo

O responsable de residencias da Federación de Sanidade de CCOO, Alfonso García Blanco, explicou que a maior parte (77,44 %) das case vinte mil prazas residenciais con que conta Galicia están en mans privadas. Actualmente, hai unhas 15 400 prazas privadas, fronte a 4487 públicas —das cales a Xunta é titular de 3595.

García sinalou que o principal problema nas residencias é a «excesiva carga de traballo», tanto no sector público coma no privado. Isto débese, abundou, tanto á falta de persoal —eiva non corrixida malia o efecto da pandemia— como á súa mala distribución, o que tamén ten repercusións negativas na saúde dos traballadores e das traballadoras. O sindicalista tamén lle esixiu á Consellaría de Política Social «que mellore o labor de inspección» nas residencias.

Sector da axuda no fogar

Pola súa parte, Carmen Villar, secretaria da Muller da Federación de Construción e Servizos, explicou a «dura e complicada» situación dos servizos de axuda no fogar (SAF). Lamentou a «falta de coordinación» entre as consellarías implicadas —Política Social e Sanidade—, que aprobaron cadanseu protocolo para o SAF, coas sucesivas actualizacións «e feitos sen coñecer a realidade do sector, o que impediu aplicalos na súa totalidade», reprochou.

Villar tamén denunciou as malas condicións de traballo e os incumprimentos de moitas empresas. Entre as principais reivindicacións, esixiu xornadas «continuadas, con carga horaria suficiente e sen ocos baleiros», xa que a distribución irregular provoca que as auxiliares teñan que estar a disposición da empresa aínda que non estean efectivamente traballando. «Son dispoñibilidades gratuítas e, polo tanto, ilegais», sentenciou.

As propostas de CCOO

Como xa se indicou, a principal proposta de CCOO para mellorar o SAAD en Galicia consiste nun plan de choque que ha incluír, entre outras, as seguintes medidas: unha auditoría do impacto da covid-19; a reversión dos recortes que padeceu o sistema durante anos; o reequilibrio da oferta de servizos de xestión pública directa, á que debe asociarse o correspondente financiamento, e a revisión dos instrumentos xurídicos que actualmente se utilizan para establecer a colaboración público-privada; o establecemento dun modelo de coordinación sociosanitaria baixo a coordinación e supervisión do Sergas; a reorganización dos centros de atención de persoas dependentes; e garantir o exercicio do dereito á atención e que os litixios na materia sexan vistos pola xurisdición social.

CCOO demanda un plan de choque para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia

martes 17 de novembro de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

O sistema de atencióná dependencia en Galicia: prestacións e emprego [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade