Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

xoves 24 de xaneiro de 2013

Aguión e Toxo denuncian que coas políticas de austeridade só cabe máis desemprego

  • Así o afirmaron hoxe durante a inauguración do 10.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia

O secretario xeral saínte de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e o secretario xeral confederal de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, afirmaron hoxe en Santiago de Compostela que os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre de 2012 demostran que as políticas adoptadas ata o de agora para afrontar a crise son «inútiles», pois só se centraron nos recortes en lugar de reactivar a economía.

Toxo e Sánchez Aguión respondendo as preguntas dos medios de comunicación

Toxo e Sánchez Aguión respondendo as preguntas dos medios de comunicación

Así o aseguraron ambos os dirixentes sindicais ao responderen a preguntas da prensa na inauguración do 10.º Congreso de Comisións Obreiras de Galicia, que ten lugar hoxe e mañá en Santiago de Compostela. Para Sánchez Aguión, os datos da EPA «confirman os peores presaxios», isto é, que coas políticas actuais «só teremos máis recesión, máis desemprego e peores condicións de vida para a maioría social deste país».

En opinión do secretario xeral saínte de CCOO de Galicia, nunha situación como a actual non se poden reducir as políticas activas de emprego un 40% como fixo a Xunta, e instou os Executivos autonómico e central a adoptaren medidas para reactivar a economía.

Pola súa parte, o responsable confederal de CCOO advertiu de que se trata da primeira vez na historia das crises coñecidas, «incluída a Gran Depresión e a destrución de emprego que precedeu ao nazismo en Alemaña», en que a taxa de paro nun Estado supera o 26%. Ignacio Fernández Toxo constatou un «desánimo crecente» na cidadanía, porque non hai consumo nunha economía que está «paralizada». Para a súa idea, mentres persistan as políticas de austeridade «non cabe outra posibilidade».

En Galicia hai 277.400 persoas paradas

Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre de 2012 reflicten a perda no último ano de 46.900 postos de traballo (unha caída do 4,38%, catro décimas menos ca no Estado), e que o desemprego subiu en 37.000 persoas (15,40% máis, 2,28 puntos por riba da media estatal). Ao tempo, 91.900 fogares teñen todos os seus membros activos en paro.

No cuarto trimestre do ano perdéronse 21.700 empregos ata situarse o número de persoas ocupadas en 1.026.000, o que supón un descenso do 2,07% (no Estado, a ocupación caeu un 2,10%). O emprego masculino baixou un 2,29% e o feminino un 1,85% (12.700 ocupados menos fronte a 9.100 ocupadas menos). Doutra banda, destrúese emprego en todos os sectores de actividade: a construción perdeu 6.800 empregos (un 8,38%), o sector primario 2.500 (un 3,13%), na industria hai 2.600 persoas ocupadas menos (un 1,61%) e o sector dos servizos conta con 9.800 ocupacións menos (un 1,35%).

Así as cousas, os datos da enquisa indican que en Galicia, no remate do cuarto trimestre, hai 277.400 persoas paradas (no conxunto do Estado esa cifra é de 5.965.400), 13.400 máis que no período anterior e 37.000 máis que no cuarto trimestre de 2011. Neste trimestre, o aumento do paro afectou tanto a homes como a mulleres, pero con diferente intensidade (7.900 paradas máis fronte a 5.400 parados máis). Se a comparación se establece co mesmo período do ano 2011, o paro masculino aumentou nun 20,31% e o feminino nun 10,28% (24.900 parados máis fronte a 12.100 paradas máis).

A taxa de paro galega é do 21,28% e a do conxunto estatal sitúase no 26,02%. No último ano, a taxa de paro galega incrementouse en 3 puntos porcentuais e a do conxunto estatal fíxoo tamén en 3,2 puntos porcentuais.

Nestes tres meses hai 22.800 persoas asalariadas menos, das cales 7.300 eran indefinidas e 15.500 temporais. En cifras relativas, o emprego temporal cae un 7,87% e o indefinido un 1,19%. A taxa de temporalidade baixou en 1,5 puntos no último ano, ata se situar no 23,06%. Ese descenso explícase porque se destrúe máis emprego asalariado temporal ca indefinido (12,28% fronte ao 4,46%).




Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013

Gabinete de Comunicación
Horario: luns a venres, 9-14 e 17-20h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es
+ Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es

Aguión e Toxo denuncian que coas políticas de austeridade só cabe máis desemprego

xoves 24 de xaneiro de 2013

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas