Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

xoves 11 de maio de 2017

CCOO acometerá no seu 11.º Congreso Nacional unha «profunda renovación» de persoas e do traballo sindical

  • O secretario xeral saínte, Sánchez Aguión, aplaudiu que se chegara a unha candidatura de consenso; o aspirante, Sarmiento, traballará para lograr a unidade de acción cos «sindicatos irmáns» CIG e UGT

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) celebrará o seu 11.º Congreso os días 18 e 19 de maio, en Santiago de Compostela, baixo o lema «compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos». Neste conclave, no que participarán 250 delegados e delegadas, producirase unha «profunda renovación» tanto das persoas que conformarán os órganos de dirección como do traballo sindical. Así o aseguraron esta mañá Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral saínte, e o aspirante a sucedelo, Ramón Sarmiento Solla.

Sánchez Aguión (esq.) e Ramón Sarmiento (der.), na presentación do 11.º Congreso

Sánchez Aguión (esq.) e Ramón Sarmiento (der.), na presentación do 11.º Congreso

Sánchez Aguión puxo énfase na importancia deste Congreso para a clase traballadora galega, xa que CCOO conta con máis de 45 000 persoas afiliadas e reúne o 28 % do total de delegadas e delegados sindicais elixidos en Galicia.

Despois de corenta anos afiliado e tras desempeñar numerosas responsabilidades no sindicato, Sánchez Aguión dá «un paso ao lado» aos 61 anos, malia que os estatutos lle permitían presentarse a un terceiro mandato. O secretario xeral saínte salientou que CCOO é a única organización social cuxas normas limitaron «xa desde as orixes» os mandatos dos seus dirixentes.

Neste punto, o secretario xeral saínte aplaudiu que se chegara a este Congreso cunha candidatura de consenso, neste caso representada por Ramón Sarmiento. Aínda que a candidatura deberá formalizarse no propio Congreso coa recollida dos avais, «e calquera compañeiro ou compañeria tería perfecto dereito a facelo», Aguión amosou a súa confianza en que ese escenario «non se dará».

Sarmiento, de 43 anos, representa «unha nova xeración», apuntou Aguión. Ao seu ver, o proceso de «repensar o sindicato» que se iniciou meses atrás debe ser culminado «por persoas novas, en todos os sentidos, tanto de idade como de traxectoria sindical».

Precisamente, Ramón Sarmiento destacou que o seu equipo terá moitas novidades respecto do que acompañou a Aguión nos últimos anos. Continuarán tres integrantes da actual Executiva —Maica Bouza, Xesús Castro e Mabel Pérez—, pero incorporaranse cinco nomes novos que «proceden directamente das súas empresas, das súas seccións sindicais, que é onde ten lugar o conflito entre o capital e o traballo».

Ademais de novas caras, Sarmiento promete renovar o traballo sindical, e puxo como exemplo a convocatoria de asembleas de afiliados e afiliadas para o mes de xuño, nas que a nova dirección «escoitará directamente» as súas inquedanzas e problemas.

Entre os principais retos, Sarmiento sinalou a necesidade de acadar a unidade de acción en Galicia cos «sindicatos irmáns» CIG e UGT. Puxo como exemplo o sector do metal da provincia de Pontevedra, do cal procede, onde as tres organizacións traballan conxuntamente. Por esta razón, unha vez sexa elixido, fará unha «oferta concreta» neste senso.

Secretario xeral saínte: Xosé Manuel Sánchez Aguión

Naceu en Boimorto en 1956. É militante de Comisións Obreiras desde o ano 1977. Formouse como capataz agrícola, motivo polo cal estivo ligado á Federación Agroalimentaria, da que foi secretario xeral entre 1980 e 1988. Máis tarde asumiu responsabilidades na comarca coruñesa, desempeñando entre 1988 e 1996 o cargo de secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña.

Xosé Manuel Sánchez Aguión forma parte da Comisión Executiva Nacional de Comisións Obreiras de Galicia desde a fin do seu segundo mandato á fronte da Unión Comarcal da Coruña (1996). Nese ano e ata o 2000, asumiu a Secretaría de Organización e Finanzas do Sindicato Nacional de CCOO. No 7.º Congreso, en 2000, reestruturáronse as secretarías e responsabilizouse da de Organización, cargo que revalidou no 8.º Congreso (2004).

En xaneiro de 2009, logo de que Xan María Castro anunciara a súa intención de non se presentar a un terceiro mandato, Xosé Manuel Sánchez Aguión formalizou a súa candidatura á Secretaría Xeral. Resultou elixido para ese cargo no 9.º Congreso da organización sindical, en marzo dese ano, e revalidouno no 10.º Congreso, en xaneiro de 2013.

Candidato a secretario xeral: Ramón Sarmiento Solla

Nado en Baiona en 1973, é militante de Comisións Obreiras desde o ano 1997. Aos 20 anos comezou a traballar nos estaleiros vigueses Barreras —en excedencia desde maio do 2013— e dous anos máis tarde xa formaba parte do comité de empresa.

No ano 2004 incorporouse ao organigrama sindical, exercendo de responsable do sector naval. Catro anos despois foi elixido secretario comarcal do metal e en 2009, secretario comarcal de industria, cargo revalidado tres anos despois. Así mesmo, nos últimos catro anos foi o responsable estatal do sector naval.

Desde o congreso comarcal do 2012, compatibilizou as súas responsabilidades sectoriais coa pertenza á Comisión Executiva de CCOO de Vigo, amais de ser un dos representantes da Federación de Industria no Consello Nacional de CCOO de Galicia.

A finais do 2016, despois de que Xosé Manuel Sánchez Aguión comunicara ao Consello Nacional que non se presentaría a un terceiro mandato, Ramón Sarmiento anunciou a súa intención de converterse en candidato á Secretaría Xeral no 11.º Congreso (maio de 2017).

Así mesmo, Ramón Sarmiento fai pública a seguinte declaración de nomeamentos, bens e ingresos:

- Contrato en CCOO-Industria. Retribucións en declaración conxunta no exercicio 2015: 24.711,40 €
- Propiedades: vivenda unifamiliar con cota mensual hipotecaria de 312,26 €
- Dous vehículos: Renault Kangoo (2009) e Peugeot 307 (2007)

Cargos e nomeamentos:
- Secretario xeral CCOO-Industria en Vigo: retribución 12.355,7 €
- Sector naval privado en CCOO-Industria: retribución 12.355,7 €.
- Vogal na Unión Comarcal de Vigo e na Federación de Industria: sen retribución
- Membro do Consello de Administración da Sociedade Pública Izar en liquidación: sen retribución
- Representante de CCOO-Industria no Comité Sectorial de Construción e Reparación do sector naval europeo e no Clúster Marítimo Español: sen retribución
 

CCOO acometerá no seu 11.º Congreso Nacional unha «profunda renovación» de persoas e do traballo sindical

xoves 11 de maio de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

Información sobre o 11.º Congreso Nacional

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas