Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Primeiro de Maio - #TempoDeGañar

En rematando a guerra civil provocada polo alzamento militar de 1936, instáurase en España unha ditadura de carácter fascista que se mantén no poder durante case corenta anos. Prohíbense os partidos políticos e disólvense os sindicatos, e os seus militantes son encarcerados, fusilados e perseguidos. A un tempo créanse os sindicatos verticais, de afiliación obrigatoria tanto para empresarios como para traballadores, dirixidos pola patronal e os xerarcas do réxime.

Neste marco represivo, os intentos de reconstruír as organizacións obreiras fracasan e o movemento sindical obreiro español desaparece practicamente da escena social.

1947, o inicio dunha nova etapa

En 1947 ten lugar a primeira folga baixo o franquismo, na que participaron 40.000 metalúrxicos en Biscaia. Este feito marca o renacer dun novo movemento obreiro que, de alí en diante, non deixaría de medrar en potencia e forza.

Outra data histórica foi a do ano 1951, con folgas e manifestacións en Barcelona, Madrid e o País Vasco.

Os cincuenta: nacen as primeiras CCOO

Nesas primeiras loitas e mais noutras que seguiron, foron tomando un papel importante novas formas organizativas: en moitos lugares os traballadores empezan a nomear comisións cos homes e mulleres máis combativos, que asumen a representación e tentan negociar melloras coa patronal.

Esas primeiras comisións obreiras espontáneas, impulsadas polo Partido Comunista de España (PCE), movementos cristiáns obreiros e outros colectivos opostos ao réxime franquista, que nacen e morren con cada conflito, son as primeiras CCOO que con este ou outros nomes fan a súa aparición. A historia de CCOO comezaba. É a etapa de CCOO como movemento espontáneo.

Unha das primeiras Comisións Obreiras que se recorda con tal nome é a formada en Asturias na mina A Camocha (Xixón), no ano 1957, con ocasión dunha folga.

Os sesenta: CCOO muda de movemento espontáneo en movemento organizado

É en 1964 cando podemos dicir que as CCOO inician a súa andaina como movemento organizado, logrando a permanencia e a coordinación, en gran medida, do movemento obreiro español baixo o franquismo.

As eleccións sindicais de 1966, nas que CCOO logra un gran triunfo, supuxeron un duro golpe ao sindicato vertical e permitiron a consolidación de CCOO como movemento organizado. A primeira reunión xeral das CCOO do estado ten lugar en xuño de 1967, en Madrid.

Neste ano, CCOO pasa de movemento semilegal a ser perseguido sistematicamente (o Tribunal Supremo, en novembro de 1967, decláraas subversivas e ilícitas).

A represión contra CCOO é brutal: de 9000 condenados entre 1963 e 1977 polo Tribunal de Orde Pública (TOP) - que substituía os tribunais militares como instrumento represor-, unha inmensa maioría eran militantes de CCOO.

En 1968, Marcelino Camacho, Julián Ariza e outros dirixentes sindicais son encarcerados e procesados por pertenceren a CCOO.

O auxe do movemento obreiro é contestado polo réxime declarando sucesivos estados de excepción, os máis salientables en 1969 e 1970-1971, que deron en numerosas detencións e torturas a dirixentes obreiros. Destaca a detención e condena a longos anos de prisión da Coordinadora Nacional de CCOO (o chamado Proceso 1001) que, aínda que dificulta as mobilizacións, non impide que a partir de 1973 os conflitos colectivos, os paros e as folgas se sucedan en numerosas empresas e sectores de todo o Estado, e que CCOO se consolide e fortaleza como organización.

CCOO transfórmase en central sindical

O 20 de novembro de 1975, coa morte de Franco acelérase o proceso democrático e comeza a Transición, na que as estruturas da ditadura e as súas leis van desaparecendo a medida que a presión popular se acentúa.

No sindical, esta etapa caracterízase por introducir todo tipo de trabas á consolidación de CCOO e favorecer a dispersión sindical, nun esforzo por evitar a unidade sindical. Mentres se perseguía a CCOO, unha delegación do PSOE, con FeIipe González e Nicolás Redondo á cabeza, entrevistábanse con Manuel Fraga (ministro do Interior, 1975-1976).

O Secretariado da Coordinadora Xeral de CCOO decidiu celebrar a Asemblea Xeral de CCOO en Madrid, na que estaba previsto que participasen 2000 delegados de toda España. Realizouse a petición oficial ás autoridades gobernativas, para os días 27, 28 e 29 de xuño de 1976. O goberno prohibiuna.

A creación da Confederación Sindical de CCOO

Prohibida a Asemblea de Madrid, a dirección de CCOO celebra clandestinamente a Asemblea en Barcelona o día 11 de xullo do mesmo ano. Nesta ocasión, constatada a imposibilidade de crear un sindicato unitario, decídese o paso de movemento a organización sindical e a creación da Confederación Sindical de Comisións Obreiras.

O 27 de abril de 1977, logo da legalización dos partidos políticos, son legalizados os sindicatos e péchase unha longa etapa de represión; así nace legal e xuridicamente a Confederación Sindical de Comisións Obreiras, que celebra o seu primeiro Congreso en xuño de 1978 e elixe a Marcelino Camacho secretario xeral.

CCOO adopta unha estrutura sectorial e territorial

Durante o outono de 1976 e os primeiros meses de 1977, CCOO vai constituíndo, mediante un proceso asembleario, os sindicatos de nacionalidade e rexionais. As coordinadoras xerais de rama convértense no embrión das federacións estatais.

A multitudinaria participación no funeral dos avogados laboralistas da rúa de Atocha de Madrid, militantes de CCOO e do Partido Comunista de España, asasinados por un grupo terrorista de extrema dereita, foi o detonante da legalización de CCOO e do PCE.

En 1978 celébranse as primeiras eleccións sindicais democráticas, que gaña CCOO Na actualidade, CCOO continúa sendo o sindicato maioritario no estado español.

Constitución do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

As resolucións da Asemblea de Barcelona deron comezo á terceira etapa de CCOO, que culminou en Galicia co congreso constituínte do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, en xuño de 1978. Manuel Amor Deus foi elixido primeiro secretario xeral.

Idioma oficial de CCOO

Neste congreso constituínte, decídese que a lingua oficial do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia é o galego.

10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

Despois de que o 10 de Marzo de 1972 dous traballadores de CCOO da Empresa Nacional Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que se manifestaban polos seus dereitos, foron asasinados pola policía da ditadura franquista, apróbase neste congreso constituínte do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, instaurar como Día da Clase Obreira Galega o 10 de marzo. Esta data é conmemorada anualmente polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cun acto de homenaxe a todas as persoas destacadas pola súa loita na defensa dos traballadores e as traballadoras e das liberdades.

O sindicalismo actual é, pois, herdeiro dunha moi longa historia de loitas, solidariedade e esperanzas, que lonxe de esgotar as súas forzas e estratexias entrou no século XXI asumindo novos retos, modernizando os seu recursos e ampliando o ámbito de intervención.

Case douscentos anos despois dos seus primeiros desenvolvementos organizativos na Inglaterra da Revolución industrial, o sindicalismo segue sendo un factor decisivo na regulación das condicións de traballo de millóns de persoas no mundo, converténdose nun auténtico prescritor social, transformando reivindicacións inicialmente gremiais en demandas cidadás e dereitos universais.

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia