Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

martes 12 de decembro de 2017

Os sindicatos maioritarios da comarca de Compostela rexeitan a reapertura da mina de Touro-O Pino

  • Os sindicatos afirman que a mina vai afectar a case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias dos núcleos máis próximos á explotación

CCOO, CIG e UGT, sindicatos maioritarios da comarca de Compostela, rexeitan a reapertura da mina de Touro-O Pino. As tres organizacións subscriben un manifesto conxunto contra este proxecto de megaminaría a ceo aberto que ocasionará un serio prexuízo ás actividades agrícolas, gandeiras e forestais.

Os sindicatos apoian as mobilizacións convocadas pola plataforma veciñal contra a mina

Os sindicatos apoian as mobilizacións convocadas pola plataforma veciñal contra a mina

O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto de reapertura da explotación da mina para a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino, presentado pola empresa Cobre San Rafael S. L. Trátase dun megaminaría a ceo aberto que ocupará unhas 689 hectáreas iniciais, das cales só o 30 % son terreos xa afectados pola explotación anterior, abandonada en 1986.

Os sindicatos afirman que a mina vai afectar a case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias dos núcleos máis próximos á explotación. Xunta as catro cortas existentes, vanse escavar seis novas que darán lugar a outras tantas zonas mineiras, coa eliminación definitiva do uso destes solos para as actuais e futuras actividades agrogandeiras ou forestais.

Para CIG, UGT e CCOO, isto significa «pan para hoxe e fame para mañá». Por iso é necesario «constatar este estrago e facer partícipe del a cidadanía».

Por último, as tres organizacións manifestan publicamente o seu apoio á Plataforma veciñal «Mina Touro-O Pino, non», compartindo a esixencia á Xunta de Galicia de rexeitar o proxecto, a solicitude ao Goberno galego para que denegue a reapertura, e a demandar da Xunta de Galicia que obrigue o titular da concesión a restaurar os solos e augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira. Así mesmo, manifestan o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola plataforma.

Os sindicatos maioritarios da comarca de Compostela rexeitan a reapertura da mina de Touro-O Pino

martes 12 de decembro de 2017

Documentos relacionados

Pronunciamento sindical contra a reapertura da mina [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente