Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

xoves 21 de marzo de 2013

A patronal impide avances na negociación do convenio de alimentación da provincia de Pontevedra

  • CCOO e o resto de sindicatos continuarán adiante coa convocatoria de folga para os días 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo
  • Asemblea do persoal do sector o domingo, día 24, ás 11:30, nos locais da CIG (rúa de Gregorio Espino, 47)

O sector do comercio e alimentación da provincia de Pontevedra mantén a convocatoria de folga para os días 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo ante a negativa da patronal a non querer un acordo negociado do convenio.

No día de onte, e despois de dúas xornadas «maratonianas» nas que estiveron presentes mediadores da Inspección de Traballo para intentar desbloquear a negociación do convenio e desconvocar a folga, chegouse á conclusión de que todos os esforzos realizados pola parte social para aproximar posturas foron «infrutuosos». Os propios mediadores deron por suspendida indefinidamente a mesa baseándose en que non observan «as condicións necesarias para continuar e poder chegar a un acordo».

As reivindicacións sindicais estrutúranse en tres eixes: que o novo convenio non recolla minguas de dereitos, que se inclúa a cláusula de ultraactividade e procurar a maneira de manter o poder adquisitivo. Deste xeito, a última proposta presentada polos tres sindicatos presentes na negociación, entre eles CCOO,  recollía a posibilidade de que a vixencia do convenio fose de catro anos, pero condicionado ao incremento salarial. Tamén recollía unha cláusula de ultraactividade para garantir a continuidade do convenio despois de rematada a súa vixencia, un incremento lineal de 27 €, o incremento do IPC real no resto de conceptos económicos, unha revisión salarial que garanta o poder adquisitivo, pechar os días 24 e 31 de decembro a partir das 15 horas, acumulación da lactancia en 21 días, recuperación das vacacións nos casos de incapacidade transitoria, o reingreso automático rematada a excedencia voluntaria e a acumulación de horas sindicais no grupo de empresas.

Pola súa banda, a parte empresarial considera «inasumibles» eses puntos, a pesar de que se trataba de propostas de negociación non pechadas. «Non parecen dispostos buscar un achegamento nas posturas que rematen nun acordo», denuncia CCOO, xa que entre as dúas últimas ofertas patronais case non hai diferenza. As empresas queren tocar «dunha forma importante» a antigüidade, a reclasificación automática e o complemento de incapacidade temporal, ademais de manter case na súa integridade as outras cuestións propostas.

Desde FECOHT-CCOO insisten en querer seguir negociando, pois entenden que a folga non é beneficiosa para ninguén, «e por suposto tampouco para os traballadores e traballadoras». Pero se a patronal segue a «pecharse» nas súas pretensións e sen aceptar un acordo para un convenio «xusto e equilibrado», continuarán adiante coa convocatoria e haberá folga os días 25, 26, 27, 28 e 30 deste mes.


Asemblea do persoal do sector

O próximo domingo, día 24, o persoal do sector está chamado a unha asemblea para preparar a folga. Será ás 11:30, nos locais da CIG (rúa de Gregorio Espino, 47).

A patronal impide avances na negociación do convenio de alimentación da provincia de Pontevedra

xoves 21 de marzo de 2013

Ligazóns de interese relacionadas

Oferta «insuficiente» da patronal do comercio de alimentación de Pontevedra

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade