Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

luns 31 de xaneiro de 2011

Propón a reflexión e o debate sobre temas como a construción que a historia recente fixo deste período, tan cuestionada por uns autores como eloxiada por outros

Do 1 ao 14 de febreiro pódese visitar en Santiago de Compostela a exposición 'En Transición', organizada pola F10M

31-01-2011.- Neste curso 2010/2011, a Fundación 10 de Marzo (F10M), en colaboración coa Asociación Cultural Sine Nomine, a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia e a Concellaría de Educación da capital de Galicia, produce a exposición 'En Transición', que se pode visitar do 1 ao 14 de febreiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avda. de Xoán XXIII s/n.º, Santiago de Compostela).

Imaxe dun dos paneis desta mostra

Imaxe dun dos paneis desta mostra

"Os autores da mostra son profesores e profesoras do ensino secundario"

A F10M é unha fundación cultural promovida polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) ao abeiro da Lei de fundacións de interese galego, e constituíuse en Santiago de Compostela o 25 de xuño de 1991. Un dos obxectivos fundamentais da Fundación é recuperar a historia dos movementos sociais e políticos de Galicia nos anos do franquismo. Para isto, leva anos a producir exposicións de contidos históricos e culturais de relevancia, como é o caso de 'En Transición'.

'En Transición' propón tamén a reflexión e o debate sobre temas como a construción que a historia recente fixo deste período, cuestionada por autores como Fontana, que a ve como unha «[…] ficción edulcorada, […] historia fraudulenta que elaboraron os seus pretendidos protagonistas [...]», como resaltada nos seus aspectos máis positivos por historiadores como Julián Casanova: «Á luz da historia, do que ocorreu, de como e por que ocorreu e do que podería ocorrer, a transición á democracia é o triunfo da luz e da razón fronte á escuridade anterior».

Esta exposición, de carácter itinerante, está formada por dezaoito paneis de 100x70 cm elaborados en cartón-pluma con bastidor de aluminio e que levan os seguintes títulos: 1) De que se fala ao falar do galego, 2) A mala educación, 3) Da utopía ao desencanto, 4) Infinda homofobia, 5) Os avances das mulleres, 6) O sexo deixou de ser tabú, 7) A Igrexa mira polo seu, 8) Na sociedade de consumo, 9) Ti vai facendo, 10) O cinto xa non ten máis buracos, 11) Medios de comunicación, 12) De novo con voz, 13) O movemento obreiro, 14) O persoal é político, 15) Gañamos a democracia, 16) Días de medo, 17) A memoria incómoda e 18) Franquistas en transición.

Os autores da mostra ―que vai acompañada dunha unidade didáctica― son as profesoras e profesores de ensino secundario Carme Alvariño Alejandro, Cristina Brión Calo, Heladio Anxo Fernández Manso, Antom Freire, Mercedes González González, Paz Leirós de la Peña, Ramón López Facal, María Luísa Paz Patiño, Francisco Pérez Otero e Víctor Manuel Santidrián Arias.



Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2011

Gabinete de Comunicación
 
Horario: luns a venres, 9-14h e 17-20h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es 
+ Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es

Do 1 ao 14 de febreiro pódese visitar en Santiago de Compostela a exposición 'En Transición', organizada pola F10M

luns 31 de xaneiro de 2011

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas