Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

17 de Maio de 2012: Día das Letras Galegas

    Declaración da Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

    16/05/2012.
    Manifesto da Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia

    Manifesto da Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia

    Ao ser o idioma parte do patrimonio dos galegos e as galegas, é o noso deber, como cidadanía responsable, coidalo, protexelo e difundilo. Para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, o dereito a expresarse na lingua galega é irrenunciable, pero esta liberdade é limitada se non se garanten as fórmulas que permiten acadar competencias plenas no dominio da nosa lingua. Para logralo, e así garantir este dereito, cómpre promover o uso cotián do galego en todos os ámbitos, non só nos culturais e educativos, tamén nos administrativos, xudiciais e outros.

    É por isto polo que levamos xa moito tempo a denunciar que a Consellería de Educación continúa tapando baixo unha imaxe de «plurilingüismo» o que realmente é o maior ataque á normalización lingüística na etapa democrática, rompendo ademais cos consensos previos. A lingua galega é de todas e de todos, así que, por definición, non pode ser patrimonio exclusivo de ninguén, nin tampouco materia para a confrontación política ou motivo de controversia.

    Ao igual que os nosos servizos públicos, a lingua é tamén patrimonio de cada galego e galega. Non é de lei que en momentos como o actual se utilice a crise como pretexto para minguar sen xustificación os recursos destinados á promoción do idioma. Así, segundo os datos fornecidos polo propio secretario xeral de Política Lingüística no Parlamento, as actividades de promoción da nosa lingua ven o orzamento reducido case un 12%. Por outra parte, a Real Academia Galega, cun importantísimo papel recoñecido non só socialmente, senón tamén polo noso Estatuto de Autonomía, viu como o Goberno central lle rebaixaba inicialmente o orzamento un 62%, medida parcialmente corrixida, ficando o recorte en ?só? o 31,8% respecto do ano anterior.

    Por todo isto, desde o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia pedimos o compromiso dos poderes públicos na adopción das medidas necesarias, tanto económicas como normativas e programáticas, para garantir que a cidadanía galega poida exercer, con auténtica liberdade, o pleno gozo dos seus dereitos lingüísticos. Convidamos, así mesmo, a todas as galegas e galegos a participaren nos actos que se convoquen con motivo do día grande das nosas letras.

    Santiago de Compostela, 16 de maio de 2012

    Gabinete de Comunicación 
    Horario: luns a venres, 9-14h e 17-20h
    686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es 
    + Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es