Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO colabora unha vez máis con Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio

    Entre o 20 e o 22 de xuño ten lugar na Coruña a terceira edición de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio. Trátase dunha iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos, de persoas solidarias, de institucións e empresas con responsabilidade social. Como nas anteriores edicións, en Acampa 2019 colabora Comisións Obreiras a través da Unión Comarcal coruñesa.

    21/06/2019.
    Fotografía de familia das entidades colaboradoras do ano 2018

    Fotografía de familia das entidades colaboradoras do ano 2018

    Este ano, o eixe central son as mulleres. Durante os tres días de Acampa 2019 desenvolveranse todo tipo de actividades cun enfoque eminentemente feminista como, por exemplo, obradoiros, exposicións, proxeccións audiovisuais ou conferencias.

    Hoxe venres, 21 de xuño, a secretaria de Organización de CCOO de Galicia, Mabel Pérez, dirixirá un obradoiro de apoderamento feminino, autoestima e liderado. A sindicalista é especialista en igualdade de xénero, técnicas de comunicación e relacións laborais. Esta actividade está limitada a quince prazas e require inscrición previa aquí. Será ás 17 horas no Kiosco Alfonso.

    Segundo Pérez, apoderarse é a «individualización e reforzamento» dos poderes vitais e da autoestima. «Cada persoa é un ser único, independente, con personalidade de seu, con capacidade para decidir e actuar». Partindo desta premisa, a sociedade precisa que as mulleres se apoderen porque promove cambios de valores e dota a democracia dun sentido substantivo; promove un desenvolvemento das sociedades e establece comunidades máis xustas e menos xerárquicas.