Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Declaración do VIII Galeuscat

    A Comissió Obrera Nacional de Catalunya, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a Confederación Sindical de CCOO de Euskadi mantivemos un encontro en Bilbao os días 20 e 21 de xuño, no marco dunha relación que se remonta ao ano 1992, data en que se constituíu o Galeuscat de CCOO.

    24/06/2019.
    O VIII Galeuscat sindical tivo lugar en Bilbao a pasada semana

    O VIII Galeuscat sindical tivo lugar en Bilbao a pasada semana

    As tres organizacións estamos comprometidas na dinamización deste espazo sindical, que ten como obxectivo compartir prácticas e experiencias sindicais en realidades nacionais, laborais e sociais diferentes, pero con importantes elementos comúns para a estratexia sindical. É un compromiso que asumimos desde a convicción por un traballo compartido coa CS de CCOO, para enriquecer o debate e a nosa intervención sindical.

    Poñemos en valor o compromiso das tres organizacións que formamos o Galeuscat cun Estado plurinacional, cun modelo descentralizado nas estruturas das súas administracións, así como nas súas competencias; e denunciamos a deriva recentralizadora que as políticas desenvolvidas pola dereita nos últimos anos, e coas que claramente concorreu aos recentes procesos electorais, poñen en risco un modelo de descentralización territorial que beneficia claramente os intereses do progreso social dos diferentes pobos de España.

    Neste sentido, entendemos que cómpre buscar as canles do diálogo político para desxudicializar os conflitos territoriais que condicionan a política en todo o Estado e encontrar solucións políticas con amplos consensos, tal e como a dirección da CS CCOO ten manifestando reiteradamente. Ábrese unha nova etapa política que debe atopar solucións inclusivas que desbloqueen a parálise das institucións e permitan poñer a axenda social no centro do taboleiro político para pór freo á precariedade e á crecente desigualdade social.

    O noso modelo sindical debe facerse forte nunha sociedade fragmentada, nun mercado de traballo igualmente segmentado, nunhas empresas cada vez máis complexas, descentralizadas e parceladas nos procesos produtivos.

    Debemos adaptar as nosas organizacións para seguir sendo axentes de transformación social, axentes activos e proactivos nas relaciones laborais e referentes sociopolíticos.

    As CCOO, con realidades entrecruzadas e moito traballo transversal, somos unha organización viva. Queremos construír un relato e unha práctica sindical que sitúe o valor do traballo no centro da sociedade. O traballo é un elemento nuclear na distribución primaria da riqueza, e, por tanto, debe ser regulado desde unha perspectiva de interese social.

    A aposta pola centralidade do traballo e a xeración de emprego debe levar ligada a loita pola calidade deste e contra a desigualdade. Nesta liña, temos que incidir desde a nosa capacidade de intervención na empresa e nos sectores, e tamén a través do noso papel institucional.

    Apostamos por influír na distribución da riqueza, mediante a nosa capacidade de intervención ante os poderes públicos. Esta faceta de axente social, á que non debemos renunciar, ten que conter prácticas propias para que repercutan na nosa maior lexitimación como organización tamén mediadora entre quen representamos e as institucións.

    Igualmente, convimos en preservar os marcos sectoriais de negociación colectiva e mellorar asemade as nosas formas organizativas para termos unha presenza continua e cualificada nas empresas onde, con marco sectorial ou sen el, a acción sindical é cada vez máis complexa e necesaria.

    O sindicalismo de clase que representamos ten a aspiración de transformar o mundo mediante a acción organizada e colectiva, internacional e solidaria. Traballamos por formar parte da necesaria ofensiva cultural, pedagóxica e ideolóxica para facer fronte ao individualismo e á corporativización de intereses propios do neoliberalismo.

    Móvenos a expectativa de conseguir, más cedo ca tarde, sociedades xustas, igualitarias, solidarias e sostibles. E para acadar estes obxectivos, sabemos que o feminismo, a defensa do medio ambiente, a loita de clases e os intereses da clase traballadora van unidos de xeito indivisible.

    O noso compromiso é firme na continua adaptación da nosa proposta sindical á realidade cambiante da sociedade e do mundo do traballo, e mantemos unha aposta firme en seguir avanzando nun modelo de organización áxil, útil, de proximidade, solidario e de clase.