Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

XUVENTUDE DE CCOO «A MOCIDADE ORGANIZADA»

    O Día Internacional da Mocidade, as CCOO de Galicia, como o resto do ano, reivindica á mocidade como parte activa nos procesos de transformación dentro da propia clase traballadora, e pon de manifesto as necesidades materiais e tamén a necesidade de organizarse para avanzar e mellorar as nosas vidas.

    12/08/2019.

    A mocidade galega, xunto coas mulleres, somos os colectivos que máis estamos a sufrir as consecuencias do neoliberalismo e as súas políticas, que xeran pobreza e incerteza nunha mocidade cada vez máis desmembrada en termos de clase e con cada vez menos forza para mudar estas políticas que tanto dano nos fan.

    A situación en que viven moitos mozos e mozas é de precariedade extrema, sen emprego estable, cunha rotación de contratos infinita ?no mes de xuño en Galicia rexistráronse ao redor de 16.223 contratos a persoas menores de 29 anos, e só 567 deles teñen carácter indefinido (segundo datos do Ministerio de Emprego)?. Se a isto lle engadimos os elevados custos dun alugueiro, faise moi difícil que a mocidade teña algunha oportunidade de gozar dunha vida digna.

    Ademais do anterior, o colectivo enfróntase ao uso fraudulento que se fai das prácticas laborais ou coas bolsas: xente cunha bolsa facendo o traballo dunha persoa asalariada, pero sen cobrar; tamén nos contratos en formación, nos que as horas de formación son esquecidas pola patronal.

    Esta é a situación da mocidade, unha situación que fai que o momento que atravesamos sexa desolador, sen esperanza e sen futuro e, malia que os datos macroeconómicos nos digan que a economía medra, este crecemento non chega nin por asomo á clase traballadora.

    A única saída que nos ofrecen as institucións é emigrar, converterse en «falso autónomo/a» e traballar na escravitude para as plataformas dixitais que, a pesar das sentenzas, seguen negando o traballo digno e seguro para a nosa xente, e digo seguro porque estamos expostos a niveis de risco laboral moi elevados, como podemos ver nos desgraciados accidentes ocorridos as últimas semanas en empresas como Glovo en Galicia.

    Hai alternativa para a mocidade e querémolo sinalar neste 12 de agosto: temos que tecer unha rede entre a mocidade para, de maneira organizada, defendermos os nosos intereses como clase traballadora, esixindo o cumprimento dos nosos dereitos, así como xerar novos. 

    Temos exemplos de como a mocidade organizada é quen de avanzar: as socorristas en Vigo que están conflito por un salario digno, ou anteriormente as traballadoras de Médicos sen Fronteiras, ao igual que as demandas ganadas polos chamados «Ryders», ou a loita continua contra a fraude nas bolsas que protagoniza CCOO, sabémolo perfectamente e o capital tamén: ORGANIZADOS E ORGANIZADAS SOMOS MÁIS FORTES e podemos dobrarlles a man a eles e ás súas políticas .

    Reivindicamos a derrogación da reforma laboral, e cuestionamos o papel que están a desempeñar as ETT e as empresas multiservizos no proceso de precarización crecente da clase traballadora. Tamén queremos novos regulamentos que consideren traballo asalariado o das persoas que o fan para plataformas dixitais e que agora se enmarcan no réxime de autónomas. Desde CCOO reivindicamos a creación do estatuto do bolseiro e da bolseira, que garanta condicións de traballo dignas. É preciso regular os prezos do alugueiro e garantir o acceso aos estudos de maneira gratuíta e universal.
    E para rematar, queremos reivindicar e chamar a mocidade a participar nas mobilizacións do próximo 27-S polo clima: hai que camiñar cara a novos procesos de produción que xeren empregos dignos e sostibles no tempo así como a tan necesaria sostibilidade medioambiental, que nos permita ter un futuro san e saudable no planeta que nos tocou vivir e nos toca coidar.

    Temos que ser capaces de dirixir este proceso de cambio de modelo enerxético e produtivo que xa se está iniciando, para que os beneficios revertan na clase traballadora e non nas contas bancarias dalgúns multimillonarios e multimillonarias: dirixir o futuro é tamén unha tarefa ineludible para a mocidade obreira.

    Organicémonos, loitemos e gañaremos.