Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO esixe unha transición enerxética «xusta» e mobilizarase o día 27 baixo o lema «Non haberá emprego nun planeta morto»

  • Comisións tamén presentou unha ecoacción: a comezos do 2020 plantará un castiñeiro nun monte comunal por cada nova afiliación que se produza este trimestre

«Non haberá emprego nun planeta morto» é o lema que presidirá a presenza do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia na xornada de mobilización mundial polo clima do vindeiro 27 de setembro. Para CCOO, o cambio climático é un «desafío global» con graves consecuencias de todo tipo, medioambientais, económicas, sociais e laborais. Cómpre avanzar nunha xestión dos recursos «eficiente e sostible», pero planificando o impacto no emprego e nas condicións laborais. Por esta razón, o sindicato esixirá que a transición enerxética sexa «socialmente xusta e planificada».

19/09/2019.
De esq. a der., Alejandro Rodríguez Pazos, Ramón Sarmiento e Omar Ceveira

De esq. a der., Alejandro Rodríguez Pazos, Ramón Sarmiento e Omar Ceveira

Así o expresaron os voceiros do sindicato na conferencia de prensa que serviu para animar á participación nas mobilizacións. O secretario xeral, Ramón Sarmiento, o secretario de Xuventude e Movementos Sociais, Omar Ceveira, e o adxunto da Secretaría de Medio Ambiente, Alejandro Rodríguez, detallaron as razóns polas que «cómpre actuar xa».

O actual modelo de desenvolvemento «non é sostible», apuntaron Ceveira e Rodríguez. Con todo, «Galicia ten potencialidades para afrontar o proceso desde unha posición de liderado», incidiu Sarmiento. Segundo o dirixente sindical, hai posibilidades de localizar no noso país un novo sector industrial, baseado na produción de bens de equipo que serán necesarios ao abeiro da transición enerxética. Un sector, aseverou, capaz de xerar postos de traballo «á altura do naval, o téxtil ou a automoción».

De feito, o sindicato xa fixo unha proposta concreta no marco do diálogo social, que consistiría nun proxecto piloto no concello de Cerceda do que tamén se podería beneficiar As Pontes; ambas as dúas, localidades que contan con centrais térmicas.

O dito proxecto ?achégase? serviría para paliar o problema social derivado do peche da térmica de Meirama por parte da compañía Naturgy. Sarmiento salientou a idoneidade de comezar en Cerceda porque se trata dun concello pequeno pero representativo (5000 habitantes), onde hai un gran consumidor de enerxía e unha planta como a de Sogama que pode xerar oportunidades no campo da enerxía circular.

Oportunidades coma esta precisan ser agrupadas ao redor dun proxecto público-privado para, autonomamente, xerar un novo sector industrial «que dea resposta ás necesidades da clase traballadora e ás necesidades sociais de dúas comarcas que se van ver afectadas pola transición enerxética», apuntou o secretario xeral de CCOO.

Segundo Sarmiento, «aínda non atopamos moita receptividade» por parte da Xunta no proceso de diálogo social, «máis aló de que digan que lles gusta. Nós queremos un compromiso firme e concreto, con dotación orzamentaria pública para comezar, pero tamén lle esixiremos a Naturgy», concluíu.

Ecoacción de CCOO

Como maneira de concienciar sobre a importancia de combater o cambio climático e apostar polo desenvolvemento sostible, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia levará a cabo nos próximos meses unha ecoacción. Consistirá na plantación dun castiñeiro nun monte comunal por cada nova afiliación que se produza no último trimestre deste ano. A plantación está previsto que se faga cara ao mes de febreiro do 2020. As persoas interesadas en participar poderano facer a través da Secretaría de Medio Ambiente do sindicato.

Participación na xornada do 27

CCOO participará nas mobilizacións convocadas para o día 27 de setembro. Ata o de agora, están confirmadas as que se indican a seguir:
? A Coruña: manifestación ás 20:00 desde os xardíns de Méndez Núñez
? Ferrol: manifestación ás 19:30 desde a praza de Amada García (diante do edificio da Xunta)
? Santiago de Compostela: manifestación ás 19:30 desde a praza do Matadoiro
? Lugo: manifestación ás 12:00 desde a Horta do Seminario
? Ourense: concentración ás 20:00 na praza Maior
? Pontevedra: manifestación ás 20:00 desde a praza da Ferrería
? Vigo: manifestación ás ás 19:30 desde a Vía Norte