Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Premios 10 de Marzo 2020: Berta Trigo, Plácido Cal e Palmyre Ros

    O vindeiro sábado, 7 de marzo, CCOO e a súa fundación entregarán en Santiago de Compostela os Premios 10 de Marzo, cos que anualmente se homenaxean traxectorias de loita sindical e compromiso polas liberdades. Desta vez, as persoas homenaxeadas serán Berta Trigo, Plácido Cal e Palmyre Ros.

    28/02/2020.
    De esq. a der., Palmyre Ros, Plácido Cal e Berta Trigo

    De esq. a der., Palmyre Ros, Plácido Cal e Berta Trigo

    BERTA TRIGO CULLER
    (Arousa, 1933)

    Berta afiliouse ás CCOO desde a súa aparición na comarca, asumindo desde entón a responsabilidade de delegada dentro da súa empresa, Pita Hermanos (posteriormente Conservas Cuca), empresa conserveira na que comezara a traballar en 1949, con só dezaseis anos.

    Durante décadas foi presidenta do comité de empresa e formou parte da Comisión Executiva da Unión Comarcal de CCOO de Arousa, desde onde asumiría a dirección de sucesivos conflitos do sector conserveiro.
    Malia estar xubilada desde hai anos, continúa a participar na vida sindical a través da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO.
     
    PLÁCIDO CAL FARALDO
    (A Coruña, 1946)

    Definido polos seus coñecidos como «puro sindicalismo, ou, aínda mellor, un sindicalista puro», Plácido compaxinou o labor sindical cun traballo por quendas rotatorias que lle dificultaban a participación.
    Comezou a súa andaina sindical en 1987 na antiga GENOSA (Grafitos Eléctricos del Noroeste), onde xogou un papel destacado nunha etapa de conflitos laborais importantes. Foi membro do comité de empresa, secretario, vicepresidente e, en xeral, «portavoz cando a situación o requirise», ata a súa xubilación.

    No sindicato desempeñou diferentes responsabilidades. Entre outras, foi secretario comarcal do Metal e membro da Comisión Executiva de CCOO da Coruña.
     
    PALMYRE ROS RAMOS
    (Rennes, Francia, 1942)

    Filla de exiliados españois, naceu a cabalo entre a tráxica e obrigada fuxida da guerra española e a ocupación alemá do territorio francés. Aos seis anos, a familia desprazouse a París, onde Palmyre comezou os seus estudos e o seu compromiso antifranquista organizado. Na capital francesa fíxose militante das Xuventudes Comunistas de España. Pasou a mocidade entre recadacións para os presos políticos españois e outras actividades solidarias e organizativas.

    O seu compromiso levouna a decidir vir a España para colaborar co tecido antifranquista. Ingresou na Alianza Francesa e o azar situouna en Vigo en 1963. Na cidade olívica colaborou na publicación clandestina Alborada (1966), pioneira da reivindicación feminina en Galicia. Isto acabaríalle custando a detención, o cárcere, o paso polo Tribunal de Orde Pública franquista e, como a súa familia, a fuxida cara Francia.

    En Vigo deixou unha fonda pegada de modernidade, de compromiso, de pedagoxía activa, cultural e de coñecemento da realidade próxima cos seus alumnos e achegados.