Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Entrega dos Premios 10 de Marzo: «Sodes un referente para a mocidade galega»

  • O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, fixo un chamamento á mobilización tanto o 8 coma o 10 de marzo
  • O dirixente sindical apuntou tamén que Galicia se «xoga moito» nas eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 5 de abril

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregaron este sábado os galardóns cos que cada ano homenaxean tres traxectorias de loita sindical e compromiso social. Este ano, os Premios 10 de Marzo foron para Berta Trigo Culler, Plácido Cal Faraldo e Palmyre Ros Ramos.

07/03/2020.
Fotografía de familia da organización do acto coas persoas homenaxeadas

Fotografía de familia da organización do acto coas persoas homenaxeadas

Na súa intervención, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Ramón Sarmiento, agradeceu o labor realizado cada día por persoas como as homenaxeadas nesta entrega de premios. Plácido, no «sempre reivindicativo sector do metal»; Berta, nun sector «precario e altamente feminizado, como a conserva»; Palmyre, como pioneira da reivindicación feminista «nunha época en que se castigaban duramente ese tipo de mensaxes», apuntou o dirixente sindical.

Sarmiento agradeceulles a súa contribución a estas importantes loitas, grazas ás cales a sociedade de hoxe é máis xusta, e situounos como referentes para a mocidade galega, tanto dentro do mundo laboral como fóra del.

O secretario xeral de CCOO lembrou que hai dúas citas moi importantes e moi próximas no calendario, o 8 e o 10 de marzo. «Mañá, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, todas e todos temos que saír ás rúas», e alertou de que «aínda queda moito por facer, porque os dereitos hainos que conquistar cada día».

Canto ao 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, emprazou a todas as persoas que integran as CCOO de Galicia a visualizar en Ferrol todos os conflitos e reivindicacións «que agardan por unha resposta que incardine o noso país co momento de cambio político e co momento de cambio tecnolóxico e económico a nivel mundial».

Neste senso, Sarmiento sinalou que «temos a sorte de que, este ano, o 10 de Marzo sexa catro semanas antes de que Galicia decida se queda no pasado ou dá o salto a un novo tempo de compromiso político, de acordo, de coalición».

«Xogámonos moito», incidiu Sarmiento. «Queremos un Goberno que dialogue coa sociedade todos os días, que recoñeza a importancia do sindicalismo todos os días, que se comprometa co 8 e co 10 de marzo tamén todos os días», concluíu.