Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

17 Maio de 2020: Día das Letras Galegas

    O 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). Este insigne ferrolán consagrou a súa vida a dignificar a lingua e a literatura galegas, tanto desde a faceta investigadora (destaca a súa 'Historia da literatura galega contemporánea'), como a docente ?foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega? ou a artística ?cultivou con éxito todos os xéneros literarios.

    15/05/2020.
    17 de Maio, Día das Letras Galegas

    17 de Maio, Día das Letras Galegas

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia congratúlase, ademais, de que este ano se recoñeza no día das nosas letras a un dos poetas máis activos á hora de tratar cuestións de importancia social ou política. Homenaxe, tamén, a un loitador polas liberdades, que participou na guerra civil en defensa da legalidade republicana. Como reflexiona o seu álter ego na novela Scórpio: «[...] aceito com fatalismo a minha condiçom de miliciano. Som um voluntário na guerra contra o fascismo. Que outra cousa poderia ser?».

    A defensa dos ideais galeguistas e republicanos levouno a ser condenado a doce anos de cárcere ?dos que cumpriría dous? e a ser excluído da función pública durante case tres décadas.

    O contexto adverso non lle impediu seguir traballando no que el cría, aínda que tivese que facelo desde o ensino privado debido á súa inhabilitación. De feito, durante a súa etapa no Colexio Fingoi (1950-1965), en Lugo, defendeu a tese de doutoramento e culminou a monumental Historia da literatura galega contemporánea, obra fundamental durante anos.

    Cómpre unha resposta
    para o sector cultural


    Este ano, o 17 de Maio vén marcado pola crise sanitaria do COVID-19, que está inflixindo un enorme dano a toda a sociedade galega e golpeando sen misericordia a todos os sectores. Sen dúbida, un dos peor parados é o cultural, aínda non ben recuperado da anterior crise económica e que, polo tanto, xa padecía unha situación precaria. Agora, esta nova crise ameaza con facelo desaparecer do mapa, deixando o escenario libre só para as grandes multinacionais do entretemento.

    Neste senso, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia esíxelle ao Goberno galego unha resposta no ámbito cultural que non se pode circunscribir só ao Xacobeo. O sector cultural galego é tamén un elemento fundamental para a economía galega e del dependen centos de familias no noso país que traballan en museos, arquivos, bibliotecas, produtoras audiovisuais, compañías de teatro ou danza, orquestras e bandas de música, salas de cinema ou de concertos, librarías e un longo etcétera.

    Para CCOO, as Administracións públicas, comezando pola Xunta de Galicia, deben desempeñar un papel fundamental para mitigar os efectos desta crise no sector cultural e axudar á súa reactivación. Non podemos esquecer tampouco que a cultura realizou un valioso labor mentres durou o confinamento, incluso liberando para gozo público algunhas das súas obras, co que contribuíu a aliviar os rigores do illamento, especialmente da poboación máis moza.

    Un país sen un tecido cultural forte é un país sen alma, e os poderes públicos galegos cometerían un erro relegándoo ao fondo das súas prioridades. Queda, polo tanto, moito traballo para saírmos do actual inverno e cumprir así o desexo de Ricardo Carvalho Calero, unhas «primaveras nas que florescese sen receios a unidade e variedade do noso idioma e da nosa cultura».


    Santiago de Compostela
    17 de Maio de 2020