Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO e UGT esíxenlle á Dirección Xeral da Función Pública probas diagnósticas para todo o persoal de atención ao público

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO e a Federación de Servizos Públicos de UGT esixen que se reforce a realización das probas diagnósticas a todo o persoal da Administración con atención directa ao público. Os sindicatos fundamentan a petición no incremento exponencial de contaxios de COVID-19 en Galicia, consonte os datos que diariamente comunican as autoridades sanitarias autonómicas.

    20/08/2020.

    UGT e CCOO esixen que a realización de probas diagnósticas, así como outras medidas de obrigado cumprimento, se estendan a todo o persoal de atención directa: dos rexistros, das oficinas de emprego, dos Servizos de Mediación e Arbitraxe ou das oficinas de atención ao público. En definitiva, que non se limiten só ao persoal de atención directa aos usuarios da Consellería de Política Social e ao persoal docente de primaria e secundaria da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional.

    Polo tanto, CCOO e UGT solicítanlle á Dirección Xeral da Función Pública:
    ? que se estableza a necesaria coordinación entre a Consellaría de Facenda e a Consellaría de Sanidade, co fin de lle realizar probas diagnósticas a todo o persoal con funcións de atención directa ao público nas distintas dependencias, centros ou oficinas, para minimizar riscos e previr ?na medida do posible? un aumento na expansión dos contaxios entre o persoal público e a cidadanía;

    ? que, de conformidade co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, a Administración está obrigada:

    - a proporcionarlle ao seu persoal os equipos de protección adecuados ao nivel de risco, polo tanto, a dotalo cando menos de máscaras (cirúrxicas ou hixiénicas); esa dotación deberá realizarse en todos os centros de traballo e non só parcialmente nos do ámbito sociosanitario;

    - a adoptar medidas para controlar a coincidencia masiva de persoas, tanto traballadoras como usuarias, nos centros de traballo durante as franxas horarias de previsible maior afluencia, polo que se debe regularizar e protocolizar ?mediante instrución para o efecto? o establecemento de ratios de atención e asistencia física, segundo os diferentes servizos e unidades;

    - a adoptar medidas para a progresiva reincorporación presencial aos postos de traballo e a potenciación do uso do teletraballo, cando pola natureza da actividade laboral sexa posible. En consecuencia, e ante unha reincorporación masiva e descontrolada, a Consellaría de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, debe ditar instrución que unifique os criterios cos que se ten que desenvolver a potenciación do teletraballo, fronte ás actuacións individualizadas e sen criterio de determinados servizos e unidades.