Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Agora que comezou o curso, que opcións teño se o meu fillo ou filla debe gardar corentena por un positivo por COVID na súa aula?

    A volta ao colexio está causando infinidade de problemas e suscitando moitas dúbidas ante as posibles situacións de contaxio que obriguen a cancelar clases e impor corentena ás nenas e nenos destes grupos, dean positivo ou non nunha proba PCR.

    23/09/2020. Gabinete de Igualdade de CCOO
    O Goberno prorroga o Plan Mecuida

    O Goberno prorroga o Plan Mecuida

    Para estes casos, existen dúas situacións que condicionan as opcións dos pais e as nais traballadoras para asegurar os coidados dos seus fillos e fillas.

    A primeira delas é se o teu fillo ou filla dá positivo por COVID-19 nunha proba PCR: terías dereito a baixa laboral, polo que a ausencia ao posto de traballo será compensada economicamente.

    Se o neno ou nena non dá positivo en ningunha proba PCR pero está obrigado a gardar a corentena establecida, o Goberno acaba de prorrogar o Plan MECUIDA ata xaneiro de 2021.

    A prorroga supón o mantemento das condicións extraordinarias establecidas para a acceder a adaptacións ou reducións de xornada por mor da crise sanitaria orixinada pola COVID-19 para as persoas traballadoras por conta allea que acrediten deberes de coidado respecto do cónxuxe ou a parella de feito, así como respecto a familiares de consanguinidade ata o segundo grao da persoa traballadora.

    Ao tempo, parece descartada a posibilidade de que o pai ou nai teña posibilidade de obter a baixa laboral pola seguridade social, se un neno ou nena ha gardar corentena preventiva pola suspensión das clases presenciais por un positivo no seu grupo pero el mesmo non dá positivo por COVID-19.

    A negativa a lexislar para a obtención da baixa laboral ante esta circunstancia fai que, polo de agora, a única posibilidade no caso de que este neno ou nena precise coidados será a adaptación ou redución de xornada recollida no xa mencionado Plan MECUIDA.

    Para recibir asesoramento ou máis información, non dubides en poñerte en contacto connosco:
    gabineteigualdade@galicia.ccoo.es