Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO coida urxente un plan de recuperación económica e social para afrontar a destrución de emprego por mor da pandemia

  • Malia que en setembro caeu o paro rexistrado en 377 persoas, perdéronse case mil afiliacións á Seguridade Social

Comisións Obreiras (CCOO) coida «urxente» un plan de recuperación económica e social para que Galicia recupere a actividade e o emprego perdido pola pandemia da COVID-19 e dar resposta aos 176.574 parados e paradas galegas. Malia que os datos do paro rexistrado do mes de setembro indican que hai 377 persoas desempregadas menos, perdéronse 995 afiliacións á Seguridade Social, o que se suma a un modelo de contratación «eminentemente precario» ?nove de cada dez contratos son temporais.

02/10/2020.
Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, sinala que a caída do paro rexistrada en setembro é un dato «histórico» que non se producía desde 2005, pero matiza que esta diminución (-0,21 %) é un terzo da rexistrada no conxunto do Estado (-0,69 %).

A sindicalista tamén advirte da «dinámica negativa» en Galicia, que está a perder emprego ?as case mil persoas afiliadas menos mencionadas antes?, mentres que no conxunto do Estado se crean 84.000 postos de traballo.

Se a isto lle engadimos que a situación sanitaria, con novos gromos, «dista de estar baixo control», faise «máis necesario aínda» adoptar medidas de estímulo á actividade, de mantemento do emprego e de apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal, explica Bouza.

Paro rexistrado

No mes de setembro, o paro reduciuse en Galicia ata situar en 176.574 o número de persoas desempregadas. Hai 377 persoas menos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, pero a evolución do desemprego é peor ca no conxunto do Estado, porque cae o -0,21 % fronte ao -0,69 % estatal.

Por sexos, a evolución do desemprego «evidencia o afondamento da fenda de xénero», lamenta Bouza: 391 desempregadas máis por 768 desempregados menos. Actualmente, as mulleres soportan o 58 % do desemprego galego. Por idades, aumentou máis entre as persoas máis mozas (+540), mentres que caeu nas franxas de idade máis altas (-917 desempregadas e desempregados menos).

Canto aos sectores, o desemprego subiu no sector primario en 230 persoas, nos servizos en 186 e no colectivo sen emprego anterior e 71. Pola contra, reduciuse en 881 persoas na industria e 383 na construción.

Análise da contratación

En setembro rexistráronse en Galicia 83.162 contratos, dos que 76.299 foron temporais; isto é, só nove de cada cen contratos formalizados tiveron carácter indefinido. Con todo, os datos amosan unha redución tanto da contratación indefinida como da temporal. A contratación é superior nun 29 % á de agosto pero inferior nun 22 % á de hai un ano, «o que evidencia a menor actividade económica», indica Bouza.

Segudo a secretaria de Emprego de CCOO, a crise en que nos atopamos «reflíctese con crueza na evolución interanual da contratación», cunha caída do 31 % no número de contratos rexistrados: en agosto de 2019 fixéronse 93.629 contratos, pero en 2020 tan só 64.399.

Afiliación á seguridade social

Canto á Seguridade Social, a afiliación caeu en 995 persoas cotizantes respecto á media do mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.011.799. O réxime xeral perdeu 765 afiliacións e o de autónomos 363, mentres que o do mar gañou 133 afiliados e afiliadas.

Prestacións por desemprego

No mes de agosto cobraron algún tipo de prestación por desemprego 127.390 persoas. Delas, 77.933 percibiron unha prestación contributiva e as restantes 49.456, subsidios. Unha parte importante das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, como garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno central e as prórrogas acordadas cos axentes sociais. Ao remate de setembro, 22.707 traballadores e traballadoras galegos seguían aínda nunha regulación temporal de emprego.