Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Real decreto de igualdade retributiva e Real decreto sobre plans de igualdade

    O martes 13 de outubro aprobáronse no Consello de Ministros e de Ministras dous regulamentos imprescindibles para a conquista da igualdade e a eliminación da discriminación das mulleres no mercado laboral; negociáronos e asináronos CCOO e UGT xunto cos ministerios de Traballo e Igualdade, o pasado xullo.

    14/10/2020. Gabinete de Igualdade
    Os documentos aprobáronse o martes no Consello de Ministros e Ministras

    Os documentos aprobáronse o martes no Consello de Ministros e Ministras

    Con eles, preténdese ordenar e normalizar a elaboración e rexistro dos plans de igualdade, así como garantir a igualdade retributiva entre mulleres e homes, isto é, continúase o desenvolvemento da LOIEMH e mais do RDL 6/2019.

    Desde a Secretaría de Muller e Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e o seu Gabinete de Igualdade, facémonos eco desta importante nova, pois supón que o noso labor cotián estará un pouco máis apoiado pola lei.

    Temos que gabar o esforzo levado a cabo tanto pola secretaria confederal de Acción sindical, Mari Cruz Vicente, como pola secretaria Confederal da Muller, Elena Blasco Martín. Ambas recoñeceron onte, en nota de prensa, que estes regulamentos facilitarán o camiño da negociación colectiva e fomentarán que se eliminen «as distintas fendas de xénero que existen entre mulleres e homes»; ao tempo, lamentaron que as organizacións empresariais abandonaran a mesa destas negociacións en xullo.

    Así, o traballo que aínda queda por facer en prol da igualdade entre mulleres e homes no mercado laboral e pola «consolidación dunha sociedade libre de estereotipos de xénero» (en palabras da propia Blasco Martín) sustentarase na obriga recollida nestes dous novos regulamentos estatais.

    Desde o Gabinete de Igualdade imos traballar nun resumo destes regulamentos, pois pretendemos que tanto a súa comprensión como a súa aplicación resulten sinxelas para as delegadas e delegados de CCOO que negocien plans de igualdade ou convenios colectivos coas súas empresas. Así, aínda que poderás acceder aos textos completos nas ligazóns do BOE, na nosa sección recolleremos as liñas máis importantes dos dous regulamentos.