Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

25 de Novembro de 2020. Un contexto de especial dificultade

    Chegamos ao 25 de novembro nun contexto de especial dificultade para toda a sociedade, pero especialmente para as vítimas de violencia de xénero, que non pode parar as nosas reivindicacións. O estado de alarma dificultou o seu acceso á protección, mantívoas pechadas nas casas cos seus agresores. Agora, a ameaza da crise económica preséntase con posibles consecuencias na súa inserción laboral e a empregabilidade.

    23/11/2020. Gabinete de Igualdade de CCOO
    #25NViolenciaS

    #25NViolenciaS

    É aí onde as e os sindicalistas temos que ter claro que a nosa acción na negociación debe ser un factor diferencial para conseguir sentar unhas bases que eviten a regresión nos dereitos e posibilidades destas mulleres.

    Tamén toca rebater coas nosas ideas unha ultradereita en auxe que nega as políticas de igualdade e a violencia de xénero, que quere retroceder no camiño lexislativo e acabar coas políticas públicas postas en marcha. Contra as súas ideas reaccionarias e o seu machismo, nós responderemos con feminismo de clase.

    A violencia de xénero no ámbito laboral

    A violencia de xénero ten manifestacións específicas no ámbito laboral. O acoso sexual e por razón de sexo é unha forma concreta de violencia que se reproduce nas empresas e que ten como principais destinatarias as mulleres. Hai que combater a normalización da cultura do acoso, esa que non manifesta unha defensa explícita pero que tende a minimizar ou negar o seu impacto.

    E este é un punto central ao que hai que orientar a acción sindical, negociando e supervisando protocolos específicos que resulten útiles, e non meras formalidades para cumprir coa lexislación; concienciándonos e concienciando as traballadoras e os traballadores, con formación para detectar os casos e mentalizarse da necesidade de denunciar para protexer os dereitos das vítimas, que en moitas ocasións sofren o illamento e a pasividade ao seu redor. Temos a obriga de cumprir e facer cumprir o artigo 48 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

    Outro punto ao que debemos orientar a nosa acción sindical é a difusión e a negociación para a mellora dos dereitos laborais recollidos na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Cómpre difundir amplamente entre o persoal das empresas os dereitos básicos das vítimas de violencia de xénero e promover na negociación de convenios ou nos plans de igualdade accións e medidas de mellora para que estas políticas teñan un carácter transversal na empresa: asesoramento, contratación, formación, conciliación, licenzas, etc. E chegar, na medida do posible, á elaboración negociada de protocolos para as vítimas de violencia de xénero que inclúan os dereitos básicos recollidos na lexislación e as melloras acadadas na negociación grazas á acción sindical nas empresas.

    Temos a necesidade e a obriga de evitar que ningunha muller se vexa prexudicada na súa inserción laboral polo feito de ser vítima de violencia de xénero. Temos que formarnos e acompañar en todo momento as súas necesidades e peticións para garantir a plena compatibilidade da súa integridade persoal, a protección dos seus datos e o seu dereito ao traballo.

    Particularidades da violencia de xénero no medio rural

    A distribución da poboación e a evolución demográfica en Galicia fannos considerar outra realidade: a violencia de xénero no medio rural. Non ten unha natureza distinta á doutros ámbitos, mais os modelos patriarcais e as crenzas sexistas e discriminatorias de xénero teñen maior arraigo no ámbito rural.

    As políticas públicas non poden pensar só na realidade urbana; deben deseñar actuacións específicas para a realidade rural: aumentar o número de centros e recursos especializados e dar maior coherencia á súa distribución xeográfica, con máis servizos de proximidade.

    Unha política ampla e con recursos ante un novo confinamento

    En Galicia, as chamadas ao Teléfono da Muller aumentaron un 35 % na primeira metade do ano con respecto ao 2019, como consecuencia da crise sanitaria. Tamén se incrementaron as consultas aos centros de información á muller, cuxa actividade se mantivo de forma telemática, salvo nos casos de maior gravidade, nos que houbo asistencia presencial.

    O confinamento, en palabras de Belén Liste, da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, tamén modificou a concreción desa violencia: foi de menor intensidade pero máis constante ao estar sometidas a un control permanente non habitual noutras circunstancias.

    Debemos concienciarnos de que estas diferentes manifestacións de violencia non se poden entender de maneira illada, pois é a súa relación e a base ideolóxica que as sustenta o que garante que se reproduzan en todos os ámbitos sociais e en todas as realidades que nos rodean.
     
     
     
    ABRE OS OLLOS. ACTÚA!
    TODAS AS VIOLENCIAS DOEN