Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO e UGT piden que as Administracións «suban ao tren do consenso» para reactivar o ferrocarril galego

  • Ambos os dous sindicatos mantiveron este martes unha reunión co presidente da FEGAMP para pedir a implicación das entidades locais

Representantes dos sectores ferroviarios de CCOO e de UGT reuníronse este martes co presidente da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, para tratar o déficit en infraestruturas e servizos de ferrocarril que padece Galicia. Gregorio Bermejo (CCOO) e Ignacio Cascón (UGT) chamaron a definir un modelo ferroviario útil, eficaz e integrado nunha rede de transporte que vertebre o desprazamento de persoas e atenda as necesidades empresariais. É «crucial» para Galicia, máis aínda no momento actual.

24/11/2020.
De esq. a der., Alberto Varela (pte. FEGAMP), Ignacio Cascón (UGT) e Gregorio Bermejo (CCOO)

De esq. a der., Alberto Varela (pte. FEGAMP), Ignacio Cascón (UGT) e Gregorio Bermejo (CCOO)

Segundo os sindicatos, o papel da FEGAMP no deseño deste modelo é «clave», xa que os entes locais son os que mellor entenden as necesidades de proximidade e as demandas de transporte das súas poboacións.
Para que a reactivación do ferrocarril galego se produza, CCOO e UGT piden que as Administracións, especialmente autonómica e estatal, «suban ao tren do consenso». Actuar en sentido restritivo ou paralizar a mobilidade ferroviaria sería unha «dificultade engadida» para a recuperación económica.

«A mobilidade é a clave de bóveda para evitar o empobrecemento da poboación», insisten Bermejo e Cascón. Lembran, tamén, que o ferrocarril está sometido ás obrigas de servizo público e vinculado a directrices europeas que establecen regras comúns aos Estados para garantir servizos de interese xeral en condicións de frecuencia, calidade e prezo «que o mercado non está disposto a prestar».

A Comisión Europea propuxo declarar 2021 como Ano Europeo do Ferrocarril, o que vai significar unha forte aposta por este medio de transporte. En Galicia, isto débese traducir en cinco eixes básicos de actuación: deseñar un modelo de rede de proximidade progresivo para atender núcleos de poboación urbanos e interurbanos; fomentar a intermodalidade de frecuencias e horarios con outros modos de transporte; investir na mellora do ferrocarril convencional e nas liñas de ancho métrico; articular un servizo tarifario integrado; e potenciar o Eixo Atlántico ferroviario con Portugal.

Acordouse manter unha nova reunión xa a comezos do próximo ano, na que se debaterá un documento máis amplos con propostas concretas.