Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia no Parlamento o «maltrato» que representa para Galicia o «abandono industrial» na comarca de Ferrol

  • Ramón Sarmiento reivindica na Cámara autonómica o dique cuberto para que a construción naval ferrolá se desenvolva en «condicións óptimas» de eficiencia

Comisións Obreiras (CCOO) denunciou o xoves no Parlamento de Galicia o «maltrato» que representa para o país o «abandono industrial» que padece a comarca de Ferrol, exemplificado na situación no peche das centrais térmicas de Meirama (Cerceda) e das Pontes. Na súa intervención ante a comisión especial para a reconstrución económica, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, chamou a reflexionar sobre se «nos imos limitar a "consumir" a transición ecolóxica» ou, pola contra, se aposta en actividades perdurables que xeren emprego.

27/11/2020.

«Non debemos trasladar á sociedade unha idea errónea de transición e facer que os fantasmas da reconversión volvan ás mentes dos galegos», advertiu o sindicalista. «É importante xerar empregos, pero igual de importante é que estean vinculados a actividades perdurables».Asemade, a especialización produtiva de proximidade e sostible «debe actuar como argamasa social e económica dos nosos territorios nunha Galicia verde», abundou o secretario xeral de CCOO, que colocou As Pontes e Cerceda como exemplos de territorios onde poder impulsar este tipo de proxectos.Fronte ao abandono industrial, Sarmiento apelou á potencialidade dos estaleiros públicos de Navantia en Ferrol e Fene. Neste punto, o secretario xeral de CCOO afirmou que a construción das novas fragatas para a Armada debe significar «algo máis» ca un feito relevante de investimento e de carga de traballo: «debe supoñer a transformación e a modernización da única compañía pública que temos en Galicia».Segundo o secretario xeral de CCOO, o propio proceso de xestión da construción debe ser un «activo esencial» que asegure as capacidades comerciais da compañía. Facelo en «condicións óptimas» de eficiencia precisa, entre outras, «unha infraestrutura básica como é o dique cuberto».Por último, Sarmiento tamén instou a facer de Ferrol un «polo de referencia» canto á produción de tecnoloxía eólica flotante. «É unha oportunidade inaprazable; temos todas as condicións, todas as capacidades e a especialización profesional que este gran proxecto tractor precisa», exhortou, ao tempo que lle pediu ao Parlamento «revisar o seu veto» a que Galicia dispoña de parques eólicos mariños.