Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Abril 2024.

CCOO pide no Parlamento orientar a capacidade pública das Administracións cara unha base produtiva sólida

  • O sindicato propón crear unha Axencia Galega de Planificación e Avaliación das políticas públicas

Comisións Obreiras (CCOO) pediu o xoves no Parlamento de Galicia orientar a capacidade pública das diferentes Administracións cara unha base produtiva sólida e mobilizar e estimular a capacidade de investimento privado. Así o expresou o seu secretario xeral, Ramón Sarmiento, na súa intervención na comisión especial sobre a reactivación económica

27/11/2020.
Un momento da intervención de Ramón Sarmiento no Parlamento

Un momento da intervención de Ramón Sarmiento no Parlamento

O dirixente sindical comezou a intervención expresando que Galicia afronta o complexo proceso de reconstrución cunha poboación en regresión, cunhas infraestruturas «moi mellorables» e cun tecido produtivo en que predominan as pemes.

Segundo Sarmiento, estas características «outórganlle ao sector público un papel moi relevante» para converter a saída da crise nunha «ponte sólida de progreso económico e a cohesión social de Galicia». O secretario xeral de CCOO insistiu en que cómpre aproveitar a «capacidade adicional de intervención» de que disporá Galicia para «cambiar a axenda».

En opinión de Sarmiento, é preciso «reconstruír o contrato social» con propostas que loiten contra a desigualdade, reforcen o Estado do benestar e incidan no cambio de modelo produtivo cunha transición ecolóxica xusta.

Cambios en política fiscal

O secretario xeral de CCOO tamén propouxo cambios en política fiscal e financeira. Neste sentido, pediu eliminar as bonificacións autonómicas tanto do imposto de sucesións, como patrimonio e doazóns, «que detraen cada ano centos de millóns de euros» ao tesouro público. «Precisamos máis recursos», abundou Sarmiento, porque «temos por diante exercicios orzamentarios sen tantas transferencias adicionais, polo teremos que recadar máis» para implementar as políticas do cambio.

Axencia Galega de Planificación

«Cando se apela ao sentidiño, seguro que cada un de vostedes o interpreta de xeito moi distinto», afirmou Sarmiento perante os integrantes da comisión parlamentaria. «Para nos, é a virtude para tomar accións e decisións informadas, algo que se bota en falta nas iniciativas das distintas Administracións», explicou.

Por esta razón, o secretario xeral de CCOO propuxo a creación dunha Axencia Galega de Planificación e Avaliación das Políticas Públicas, «dotada de recursos técnicos e humanos suficientes». Para nutrila, apelou ao capital humano de que dispón Galicia nas súas Universidades públicas, pero tamén nas Administracións, no ámbito privado e nas organizacións sociais.

Resistir para reactivar, reactivar para transformar

Sarmiento salientou o papel dos ERTE como «ferramenta eficaz» para que a economía resistise e evitar a destrución de centos de miles de empregos e de empresas; pero para resistir tamén é preciso dispor de prestacións por desemprego suficientes e recuperar elementos normativos arrebatados pola reforma laboral, apuntou.

Para reactivar a economía, o secretario xeral de CCOO demandou unha política pública que aposte por unha industria inclusiva, moderna, comprometida ambientalmente e que culmine no país a cadea de valor; investir en I+D+i; impulsar a reindustrialización como alicerce do novo modelo produtivo; investir na definición dunha estratexia galega que identifique, agrupe e mobilice as capacidades actuais e as vertebre para acadar novas capacidades nos sectores emerxentes; con fontes enerxéticas estables; crear produtos respectuosos co medio e sostibles; e facilitar o agrupamento de pemes arredor de proxectos público-privados de valor engadido, con base territorial en Galicia.