Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O persoal de Ence renuncia á súa cesta de Nadal e doa 8000 euros ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro

    Un gran número de traballadores e traballadoras da empresa pontevedresa quixeron mostrar a súa faceta máis solidaria cedendo a contía da súa cesta de Nadal e doando a cantidade resultante á oenegué Banco de Alimentos de Monte Porreiro, en Pontevedra. 

    21/12/2020.
    Doazon banco alimentos do persoal de Ence

    Doazon banco alimentos do persoal de Ence

    Esta foi a proposta do comité de empresa das oficinas centrais do grupo empresarial, cuxa presidenta, Ana Cedeira, destacou a boa acollida que a iniciativa tivo entre o persoal, sobre todo nun momento tan delicado como o actual, cando moitas familias da comarca están a sufrir os efectos económicos da pandemia e o labor social das oenegués incrementouse notablemente.

    A recadación final desta campaña solidaria, que xorde por iniciativa dos propios traballadores e traballadoras, ascendeu a 8157 euros e foi entregada a Carlos Diéguez, presidente da asociación O Miradoiro de Monte Porreiro, como representante do Banco de Alimentos.

    O acto foi moi emotivo e o persoal da empresa recibiu cartas de agradecemento de veciñanza e debuxos de escolares que se verán favorecidos con esta axuda.

    Desde o Comité fan un chamamento a outras entidades e persoas particulares para que colaboren con estes colectivos nun momento economicamente complicado debido á pandemia. O recadado destinarase integramente á compra de alimentos non perecedoiros que distribuirá o citado banco de alimentos do barrio pontevedrés.