Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Siemens Gamesa «golpea» a transición enerxética

  • CCOO insta as Administracións públicas a actuaren, no marco das súas competencias

A multinacional Siemens Gamesa anunciou o luns, 11 de xaneiro, o inicio do proceso de peche das plantas de fabricación de láminas de aeroxeradores das Somozas, na comarca de Ferrol, e da castelá-manchega de Cuenca. Tamén realizará unha «reestruturación de oficinas», mais sen especificar o número de despedimentos.

12/01/2021.
Parque eólico

Parque eólico

A Federación de Industria de CCOO coida que, con esta decisión, a multinacional «golpea» a transición enerxética. «Non hai xustificación para o peche nun escenario en que as enerxías renovables adquiren cada vez máis relevancia», aseguran desde o sindicato.

Nada máis coñecerse a noticia, o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, apelou as Administracións públicas a actuaren, no marco das súas competencias. «Entre facer a transición ecolóxica, ou limitármonos como país a consumir a transición, están as capacidades de intervención regulatorias, normativas e industriais», sentenciou.

Unha decisión «xa tomada»

O secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Víctor Ledo, lamentaba xa en decembro que o peche da planta das Somozas era «unha decisión xa tomada» por Siemens Gamesa, por máis que non a fixera pública ata este luns.

CCOO xa temía que isto puidese acontecer, logo de que Siemens Gamesa comprara unha factoría no norte de Portugal e, o pasado agosto, pechara a planta de Aoiz (Navarra). Isto, malia que os Gobernos galego e español ofreceron diferentes alternativas para evitar o peche, todas elas vinculadas á transición enerxética e aos novos megawatts que van saír a concurso.