Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO-Ensino reclama ante a Inspección de Traballo temperaturas axeitadas nos centros educativos

    A Federación do Ensino de CCOO de Galicia reclama ante a Inspección de Traballo que nas aulas se cumpran as condicións de temperatura e niveis de CO2 establecidos na normativa vixente. Tamén pide dotar todos os centros de medidores de dióxido de carbono para comprobar facilmente as concentracións deste gas, así como termómetros para facilitar a medición das temperaturas.

    22/01/2021.

    CCOO-Ensino lembra que o Real Decreto 486/1997 establece as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo. O texto legal esixe que «a temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27º C».

    Non obstante, as condicións de temperatura, sinala CCOO-Ensino, poden verse afectadas pola ventilación frecuente das instalacións, medidas adoptadas de conformidade co protocolo de adaptación ao contexto covid-19 nos centros educativos.

    Por todo isto, amais da reclamación na Inspección, CCOO-Ensino solicitoulles aos centros educativos que comproben a temperatura nas aulas para poder «actuar en consecuencia» no caso de que non se sitúen no rango axeitado.