Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO e a súa fundación galardoan cos Premios 10 de Marzo a Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a súa Fundación 10 de Marzo recoñecerán, cos premios que entregan este ano, as traxectorias e o labor realizado por Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz. Tres persoas que representan distintas xeracións, como diferente é tamén o seu vínculo co sindicato, pero coa mesma vontade de servir a clase traballadora.

    03/03/2021.
    De esquerda a dereita, Ángel Cameselle, Yolanda Díaz e Xosé Gómez

    De esquerda a dereita, Ángel Cameselle, Yolanda Díaz e Xosé Gómez

    O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, sinalou que, a través dos tres premiados, «queremos facer un recoñecemento ás persoas», pero extensivo ao persoal sanitario, á traxectoria vital de moitas e moitos sindicalistas «que poden mirar con orgullo atrás» polo traballo feito, e ao distinto modelo de xestión fronte a unha crise.

    O presidente da Fundación 10 de Marzo, Xan María Castro, afondou nos perfís das tres persoas galardoadas, que malia ás diferentes traxectorias comparten moitos puntos en común.

    Ángel Cameselle, un destacado sindicalista da sanidade que acometeu a complicada tarefa de reestruturar a organización nun sector en que estaba desmantelado e foi medrando ata ser a primeira forza sindical en Vigo. Xosé Gómez, sindicalista ourensán que se afiliou ao sindicato aínda na clandestinidade e desde aquela faría da loita pola clase obreira o eixe da súa traxectoria vital. Yolanda Díaz, avogada laboralista e actual ministra de Traballo, que demostrou que é posible xestionar unha crise desde unha perspectiva social e dialogando coas organizacións sindicais.

    Retransmisión dos premios

    Os premios entregaranse nun acto que terá lugar o próximo sábado, día 6, ás 11:30 horas, nun acto en Santiago de Compostela. Poderase seguir a retransmisión a través da canle de Youtube do Sindicato Nacional de CCOO.

    Perfís das persoas homenaxeadas

    YOLANDA DÍAZ PÉREZ (Fene, A Coruña, 1971)

    Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e ampliou estudos en urbanismo, relacións laborais e recursos humanos. En Ferrol exerceu de avogada laboralista ao tempo que iniciaba a súa traxectoria política.

    No 2005, foi elixida coordinadora nacional de Esquerda Unida en 2007 chegou ao Goberno local de Ferrol, onde foi tenenta de alcalde. En 2012 entrou no Parlamento de Galicia e foi viceportavoz parlamentaria de Alternativa Galega de Esquerda. Posteriormente deu o paso de representar no Congreso as reivindicacións galegas, converténdose en xaneiro de 2016 en deputada nas Cortes.

    En xaneiro de 2020 foi nomeada ministra de Traballo e Economía Social, desde onde elaborou gran cantidade de normas e decretos que conformaron un modelo de xestión da crise sanitaria e de emprego baseada na concertación e no diálogo social.

     

    XOSÉ GÓMEZ GÓMEZ (Montederramo, Ourense, 1952)

    Estudou Dereito en Madrid, ao tempo que facía o servizo militar. Aos 21 anos regresou a Ourense a afiliouse ao PC. Posteriormente, retomou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde se implicou nas mobilizacións e folgas estudantís da época.

    Traballando en Forxas de Galicia entrou en contacto con membros destacados das clandestinas Comisións Obreiras, ás que se afiliou. Eran os anos 70, de gran conflitividade laboral, social e política. Aí iniciou a súa vertente como sindicalista, que xa non abandonaría.

    Formou parte da comisión executiva do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e de todas as executivas da Unión Comarcal de Ourense ata a súa xubilación. Foi secretario xeral da Unión entre os anos 2000 e 2008.

     

    ÁNGEL CAMESELLE CORBACHO (Vigo, 1953)

    Ángel Cameselle sumouse ás Comisións Obreiras con 18 anos, despois dos sucesos de marzo de 1972 e da gran folga xeral en Vigo, en setembro do mesmo ano. Comezou a vida laboral na en Indugasa, onde foi elixido enlace sindical e foi membor da executiva do metal de Vigo, ata o seu despedimento en 1981.

    En 1984 incorporouse a traballar na sanidade pública, primeiro no Insalud e despois no Sergas. Participou na reorganización de CCOO nun sector en que estaba desmantelado e foi medrando ata ser a primeira forza sindical en Vigo.

    Foi secretario comarcal da Federación de Sanidade en Vigo e membro da súa executiva de Galicia durante varios anos. En 2012 foi elixido secretario xeral da Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de Galicia. Deixou o cargo en xuño de 2019, debido á súa xubilación.