Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Ramón Sarmiento: «Non hai outro camiño que a loita obreira para que o movemento sindical sexa respectado»

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a súa Fundación 10 de Marzo galardoaron hoxe cos premios que outorgan anualmente as traxectorias e o labor realizado por Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz. Tres persoas que representan distintas xeracións, como diferente é tamén o seu vínculo co sindicato, pero coa mesma vontade de servir a clase traballadora.

    06/03/2021.
    Fotografía de familia tras o acto de entrega dos premios

    Fotografía de familia tras o acto de entrega dos premios

    No comezo da súa intervención, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, falou da importancia «de recoñecérmonos no que somos» e sinalou que «a loita é o único camiño», como demostran os conflitos contra o peche das principais empresas ou pola dignificación dos convenios colectivos en sectores como o metal de Pontevedra, a limpeza da Coruña ou o convenio das residencias da terceira idade ou dos centros da Consellaría de Política Social, entre outros.

    «Vivimos momentos tráxicos e duros para todas e todos nós», apuntou Sarmiento. E, mesmo así, a clase traballadora galega «en ningún momento renunciou a manter abertos, de forma segura, todos e cada un dos espazos de mobilización».

    O mesmo se aplica ao luns, 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. «Ímonos seguir mobilizando e concentrando de forma segura, porque a gran mobilización feminista do ano 2018 pode esmorecer se non mantemos o espírito de loita daquel ano». Apelou a participar nas manifestacións do 8M e a seguir as indicacións dos servizos de orde.

    Tamén o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, terá lugar nun escenario inédito, cunha folga comarcal de Ferrol fronte á «tremenda crise industrial», que se desenvolverá nun ambiente de unidade sindical «que antepón os intereses da clase traballadora a calquera outro lexítimo interese».

    «É o momento de presionar para avanzar, tamén no Goberno de progreso: precisan a presión continua da clase traballadora para poder avanzar», incidiu o secretario xeral de CCOO. «Non hai outro camiño que a loita obreira», reiterou, «para o que o movemento sindical non sexa só tolerado, senón respectado».

    Este mes rematará cunha gran mobilización o día 27 nas rúas da Coruña contra a represión sindical na antiga Alcoa, hoxe Alu Ibérica. O despedimento de catro membros do comité de empresa, todos eles de CCOO, foi a resposta da empresa ante a gran mobilización dos traballadores e traballadoras, que protagonizaron un mes de folga.

    «Se a sociedade galega non reacciona co mesmo nivel de solidariedade que hai 49 anos», advertiu Sarmiento, «todos os que teñades que tomar a iniciativa de vos pordes á fronte dun conflito, os que vos acompañen terán medo de que lles pase o mesmo ca aos compañeiros de Alu Ibérica», concluíu.

    Ángel Cameselle

    Após recoller o premio, Ángel Cameselle salientou que «as liberdades que temos custou moito conquistalas, pero tamén mantelas, e mesmo recuperar algunhas perdidas nos últimos anos». Este sindicalista da sanidade lembrou o que significaron os sucesos de Ferrol do 10 de marzo de 1972, cando as «xustas reivindicacións» laborais acabaron «co asasinato de dous traballadores exemplares, porque así hai que dicilo, de dous traballadores», en referencia a Amador Rey e Daniel Niebla, compañeiros das CCOO e traballadores da Bazán que foron abatidos a tiros pola policía franquista.

    Estes crimes serviron para que «moitos traballadores de Galicia alzasen a súa voz nos posteriores días e meses», que culminou cunha «folga histórica» en Vigo en setembro dese ano, que se saldaría posteriormente coa «represión: cárcere, despedimento, exilio» de moitos dos participantes. A raíz disto, tomou conciencia da importancia da loita da clase traballadora e implicouse activamente na actividade sindical.

    Cameselle concluíu reiterando que «quedan moitas cousas por reconquistar e recuperar» tras a política de recortes iniciada polo PP en 2012.

    Xosé Gómez

    Xosé Gómez comezou a intervención lembrando o seu despedimento por comunista e por militante das CCOO. Cando foi readmitido, comezou realmente a súa implicación sindical, asumindo cada vez máis responsabildiades e encargándose da expansión do sindicato.

    «É un orgullo para min compartir a vida laboral con sindicalistas tan nobles que non se renderon; en definitiva, loitadores», emocionouse Gómez. «Ao seu carón era máis fácil loitar por unha sociedade máis xusta, máis libre e máis solidaria; ese optimismo e esa solidariedade fixeron grande as Comisións Obreiras», enfatizou.

    Gómez finalizou a súa intervención lembrando a importancia de conseguir cambiar as leis para situalas do lado da clase obreira, e reforzou esta idea coa lectura do poema ‘Ahora’, do poeta arxentino Malinowski, que conclúe cos versos: «Y para que todo resulte a tu manera, / redacta para ti mismo tu norma, / y convierte tu otoño en primavera».

    Yolanda Díaz

    As primeiras palabras de Yolanda Díaz foron para explicar o significado do 10 de Marzo para ela, nacida nun barrio obreiro de Fene, a carón de Ferrol. Salientou o paradoxo que pode supoñer, «nun tempo de celeridade, hiperpresenza, redes sociais e imaxes en directo», que duns sucesos como os daquel ano 1972 «só conservamos unha fotografía en branco e negro, un plano picado, borroso» que forma parte do arquivo da Fundación 10 de Marzo de CCOO.

    Con todo, «ninguén conseguiu nunca captar nunca tanto amor e compromiso nunha instantánea case accidental, arrincada ás gadoupas da morte», enfatizou.

    Aquela histórica mobilización de Ferrol, estendida despois a Vigo, «marcaría un punto de inflexión na recuperación da democracia en España e no final dunha ditadura sanguenta e esclerótica, un réxime que respondía con balas e represión».

    En opinión de Díaz, o relato da Transición «escurecería» a significación e relevancia daqueles feitos. Mesmo así, «o Día da Clase Obreira Galega, que hoxe conmemoramos nestes premios, é unha fenda difícil de selar na narración homoxénea do pasado», apuntou.

    Confesou tamén o «pudor» que lle suscitaba recibir un recoñecemento que a «senta a carón das persoas que admira». Nese momento pensou, tamén, na xente que a acompaña e aprecia tanto en Galicia como no Ministerio, en Madrid, «persoas que comparten comigo afectos, metas e vontades comúns», entre as que citou a consecución dun traballo decente para todos e todas, a loita contra a pobreza e a precariedade laboral, a defensa dos servizos público, o feminismo, a diversidade ou as prestacións sociais.

    Estes principios «son o resultado dunha aprendizaxe vital e política á que non penso renunciar» e «non son utopías, porque teñen un rostro ben definido: o das mulleres que ese mesmo 10 de marzo, ás catro da tarde, nas rúas de Ferrol, expoñendo as súas vidas, reclamaban solidariedade cos obreiros da Bazán e xustiza para os represaliados pola folga», explicou emocionada mentres repasaba os nomes «das miñas nais»: Sari Alabau, Fina Varela, Fina Piñón e de Manuela Valcárcel. «Teñen o rostro dos 23 de Ferrol», dos que afrontaron «torturas e xuízos militares na defensa dunhas condicións dignas».