Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO reuniuse co delegado do Estado na Zona Franca de Vigo para abordar a situación da automoción

    Comisións Obreiras reuniuse esta mañá co delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades. No encontro participaron Santiago García, da sección sindical de CCOO en Stellantis Vigo, e Celso Carnero, responsable do sector de Automoción de CCOO de Galicia.

    05/03/2021.
    CCOO tratou con David Regades diferentes cuestións que afectan o sector do automóbil

    CCOO tratou con David Regades diferentes cuestións que afectan o sector do automóbil

    Estacionamento subterráneo de Balaídos

    CCOO expuxo a necesidade de construír unha zona de estacionamento en Balaídos para dar cabo dun problema histórico para os traballadores e traballadoras de empresas como Stellantis, Alservi, Maviva, Gefco ou GKN, entre outras. O déficit de prazas de estacionamento incrementarase cando se permita o público nas bancadas do estadio municipal.

    Con todo, o sindicato pediu que o estacionamento sexa gratuíto para o persoal das empresas situadas na Zona Franca, xa que é unha necesidade social e un servizo complementario para a mellora do barrio. A esta petición, Regades respondeu que se procurarán fórmulas para que o servizo cumpra a normativa e non sexa unha carga para os traballadores e traballadoras.

    Enganche de alta tensión

    Desde CCOO preguntouse tamén pola situación real do proxecto de enganche de alta tensión. Regades asegurou que a Zona Franca mantén a vontade de axudar, malia as «grandes dificultades» técnicas, organizativas e económicas, e reprochou o «partidismo» da Xunta de Galicia.

    Planta de baterías

    Por último, CCOO amosou a súa preocupación pola falta de proxectos e melloras para reforzar as empresas do sector do automóbil. «Galicia e Vigo estamos perdendo o tren do futuro vehículo eléctrico», lamentou Celso Carnero. Regades confirmou que traballan «intensamente» para potenciar a entrada deste tipo de empresas, pero matizou que a Xunta debería «facer máis» para atraer este tipo de proxectos