Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Primeiras imaxes da longametraxe documental "Galicia 10 de Marzo"

  • Dirixida por Roi Cagiao e coa produción executiva de Emilio J. Fernández, a fita rememora a data máis icónica do movemento obreiro galego

Inmersa no proceso de posprodución de Galicia 10 de Marzo, a produtora Arthur Gordon fai público un primeiro vídeo de avance da longametraxe documental sobre os feitos acontecidos en Ferrol en 1972 e que deron pé ao establecemento desa data como Día da Clase Obreira Galega.

10/03/2021.

URL | Código para insertar

Dirixido por Roi Cagiao e coa produción executiva de Emilio J. Fernández, artéllase arredor de entrevistas a máis dunha ducia de protagonistas dos feitos, entre os que se inclúen líderes sindicais da época no estaleiro Bazán (actual Navantia Ferrol), distintos dirixentes e activistas do Partido Comunista ou algúns dos denominados cregos roxos.

«Temos que lamentar o falecemento nos últimos meses de dous dos entrevistados, Ángel Porto e Fernando Miramontes, aos que entrevistamos en outubro de 2019 e que eran dúas persoas moi respectadas e queridas na cidade de Ferrol pola súa traxectoria de compromiso político», sinalan dende o equipo do filme.

«Ademais das entrevistas, o filme constrúe o seu discurso narrativo a través de imaxes de arquivo, algunhas delas practicamente inéditas, e tamén dramatizacións, que agardamos rematar de rodar no verán deste ano e que terán un peso importante», sinala Roi Cagiao. «Temos a vista posta na estrea do filme en salas  no ano 2022, unha data significativa ao coincidir co cincuenta aniversario dos feitos», apunta Emilio J. Fernández.

Galicia 10 de Marzo, con Iñaki Varela compartindo a escrita do guión xunto a Roi Cagiao, conta co asesoramento histórico de José Gómez Alén e Víctor Santidrián. As entidades patrocinadoras do filme son Navantia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia. Tamén conta coa colaboración da Fundación 10 de Marzo e participan a Asociación Cultural Fuco buxán, a Federación de Pensionisas e Xubilados de CCOO de Galicia e o Centro de Negocios Witland.