Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Retómase a negociación para recuperar os dereitos recortados ao persoal dos centros de Política Social

    Despois de 33 xornadas de concentracións do persoal diante dos centros de traballo, a conselleira de Política Social, Fabiola García, accedeu a retomar a negociación para recuperar os dereitos recortados aos traballadores e traballadoras dos centros de atención directa.

    17/03/2021.
    Mobilización en Santiago de Compostela do persoal de Política Social (4-2-2021)

    Mobilización en Santiago de Compostela do persoal de Política Social (4-2-2021)

    García comprometeuse a retomar o grupo de traballo convido no Acordo de concertación (asinado por UGT e CCOO), que prevé o desenvolvemento dun plan para regular as xornadas do persoal con quendas, nocturnas ou especialmente penosas.

    Desde CCOO e UGT valoramos moito esta implicación da propia conselleira na busca dunha solución ao conflito laboral dos últimos nove meses, e facémolo por dúas razóns: por se tratar do colectivo máis prexudicado polos recortes aplicados no ano 2012 e por formar parte, xunto co persoal sanitario, dos traballadores e traballadoras con maior e máis directa implicación na loita contra a pandemia da covid-19.

    Só por estas dúas razóns, os traballadores e traballadoras dos centros de atención directa xa merecen unha atención especial por parte da Consellería. É preciso recuperar as compensacións por traballar en festivos e domingos, un incremento razoable nos cadros de persoal dos centros para facilitar a mellor conciliación e que se produza unha remuda xeracional.

    Con esta recuperación da interlocución coa Consellería de Política Social, agardamos que tamén outras eivas que persisten se poidan tratar nas correspondentes mesas de negociación, unha vez que se concrete este primeiro acordo.

    Por tanto, quedan suspendidas as concentracións que se viñan facendo todos os xoves diante dos centros de traballo, á espera dos resultados deste plan para regular as xornadas do persoal con quendas, nocturnas ou especialmente penosas.