Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O persoal do sector de derivados do cemento de Pontevedra cobrará máis de seiscentos euros en atrasos grazas a CCOO

  • O sindicato tamén logrou o subas e pagamento de atrasos para o sector na provincia da Coruña

Os traballadores e traballadoras do sector de derivados do cemento da provincia de Pontevedra cobrarán máis de seiscentos euros en concepto de atrasos grazas á suba salarial asinada por Comisións Obreiras. As táboas salariais neste ámbito experimentarán unha suba do 1,5 %, ao tempo que as categorías profesionais peor retribuídas cobrarán atrasos que oscilarán entre os 623,27 e os 772,06 euros.

18/03/2021.
Traballo no sector do cemento | Foto: Pixabay

Traballo no sector do cemento | Foto: Pixabay

A medida, xa publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, beneficiará a máis de 550 traballadoras e traballadores, que representan por riba do 90 % do total do sector en Pontevedra.

A Federación de Construción e Servizos de CCOO sinala que a publicación das táboas salariais se produce «máis tarde do desexable» por mor do «colapso» na Administración, xa que o acordo salarial data do pasado mes de setembro.

Desde o sindicato salientan que esta mellora económica se produce grazas ao asinamento dun «convenio garantista» que permitirá que as traballadoras e traballadores sigan aumentando poder adquisitivo con subas por riba do IPC.

Tamén cobraron atrasos na Coruña

Hai menos dunha semana, a Federación de Construción e Servizos de CCOO anunciaba tamén un acordo similar para o sector de derivados do cemento da provincia da Coruña, que nese caso beneficiou a 483 traballadores e traballadoras. Canto aos atrasos, chegaron a case mil euros nalgunha categoría.

En total, entre as provincias da Coruña e Pontevedra, son máis de mil traballadoras e traballadores beneficiados grazas aos acordos asinados polo sindicato.