Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO e Amproega denuncian o «abandono» do sector da música e dos espectáculos e piden axudas para a súa reactivación

    Comisións Obreiras e a asociación profesional Amproega denuncian o «abandono» do sector da música e dos espectáculos e piden axudas para a súa reactivación. Trátase dun sector especialmente castigado pola pandemia, que abrangue profesións moi diversas e que nas temporadas de maior concentración de actividade podía empregar a máis de 3000 persoas en Galicia. Porén, levan máis dun ano sen poder desenvolver con normalidade a súa profesión e ano e medio —desde outubro de 2019— practicamente sen actividade.

    13/04/2021.
    Daniel Grande, presidente de Amproega, e Teté Pérez, coordinadora do sector de Medios de Comunicación, Artes, Cultura e Deporte de CCOO

    Daniel Grande, presidente de Amproega, e Teté Pérez, coordinadora do sector de Medios de Comunicación, Artes, Cultura e Deporte de CCOO

    Despois de case un ano de negociación entre a Xunta de Galicia, Comisións Obreiras e Amproega, a Administración autonómica aprobou a comezos de ano axudas directas para os traballadores e traballadoras do sector da música. Tres meses despois, porén, o Diario Oficial de Galicia segue sen dar conta destes apoios económicos.

    Colectivos excluídos doutras axudas

    Desde CCOO e Amproega urxen a publicar «decontado» esta liña de axudas e a «negociar xa outras máis ambiciosas». Lembran, tamén, que estas traballadoras e traballadores quedaron excluídos das prestacións por desemprego —pola precariedade na contratación ou ausencia de contratos—. Ademais, a regulación dos ERTE non incluíu o persoal con contratos artísticos, maioritarios no sector.

    Posteriormente, adoptáronse medidas de apoio ao sector cultural para facer fronte ao impacto da covid, pero só para quen estivese de alta na Seguridade Social antes do 14 de marzo de 2020, requisito que os profesionais das verbenas galegas non cumprían, pois ese é un período sen actividade no seu ámbito.

    Reactivación do sector

    Ademais de pedirlle á Xunta que «axilice» unha nova e máis ambiciosa convocatoria de axudas, CCOO e Amproega tamén se dirixirán á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e ás catro deputacións para que, no ámbito das súas competencias, promovan iniciativas que contribúan a poñer en marcha o sector.