Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO reclama unha lei LGTBI+ no Día da Visibilidade Lesbia

  • Desde CCOO reivindicamos a visibilidade lesbia e o dereito de todas as persoas a expresar libremente a súa orientación sexual, e reclamamos un marco normativo que elimine toda expresión de LGTBIFobia

O amor e as relacións libres entre mulleres nas súas diferentes formas de expresión estiveron presentes desde tempos inmemoriais e en todos os ámbitos, desde Safo a Adrienne Rich; nos ensaios e nos libros, pero tamén nos centros de traballo, nas fábricas, nas casas e nas rúas, por máis que o patriarcado teimara en invisibilizar esta realidade.

26/04/2021.
Manifestación polo orgullo LGBTI | Foto: Pixabay

Manifestación polo orgullo LGBTI | Foto: Pixabay

Dentro das discriminacións que sofren as persoas LGTBI+, as compañeiras lesbianas padecen unha discriminación múltipla: como traballadoras e como mulleres, pero tamén pola súa orientación sexual. E silénciase e fúrtase a súa memoria.

Desde CCOO reivindicamos o seu dereito a manifestaren libremente a súa orientación sexual sen sufriren por iso ningún tipo de discriminación. En España, segundo a Guía ADIM, máis da metade de traballadores e traballadoras LGTBI+ non se poden mostrar libremente como tales nas súas empresas e institucións. Pola súa banda, a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELGTB) denuncia que una de cada dez mulleres lesbianas en España deixou o seu emprego por problemas derivados da súa orientación sexual.

CCOO lembra o compromiso do Goberno para sacar adiante unha lei LGTBI+ que persiga e sancione calquera manifestación de odio por razón da identidade, expresión ou orientación sexual e, moi especialmente, que atalle as discriminacións que aínda se sofren no ámbito laboral.

O sindicato tamén traballa noutras medidas:

— Negociación de cláusulas nos convenios colectivos que acaben coas discriminacións.

— Desenvolvemento e fomento da adopción de protocolos e medidas para persoas LGTBI+ no marco laboral, garantindo sempre que todos os dereitos laborais sigan intactos.

— Campañas de sensibilización en materia LGTBI+ dirixidas tanto ás empresas como á representación legal de traballadoras e traballadores.