Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Desconvocada a folga en Urbaser Santiago tras acadar un acordo sobre a xubilación parcial

    Logo dunha intensa negociación entre o comité de empresa e a dirección de Urbaser, actual concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Santiago, chegouse a un acordo sobre a xubilación parcial que permite desconvocar a folga prevista entre o 30 de abril e o 3 de maio.

    29/04/2021.
    Manifestación do persoal de Urbaser en Santiago de Compostela (19-2-2021)

    Manifestación do persoal de Urbaser en Santiago de Compostela (19-2-2021)

    Desde a Federación de Construción e Servizos de CCOO aclaran que a licitación «por sorpresa» do servizo dificultaba o obxectivo da folga, xa que a lei de contratación pública non permite avanzar nas reivindicacións do persoal ao estar en marcha un concurso.

    Desde CCOO repróchanlle ao Concello de Santiago que sacara o servizo a concurso «por sorpresa», xusto cando se convoca a folga. «Pedímolo durante meses e non o fixeron, pero ‘casualmente’ deciden publicar os pregos en canto anunciamos os paros», critica Ricardo Santos, secretario de Acción Sindical de Construción e Servizos.

    Por esta razón, o acordo produciuse sobre unha cuestión regulada no convenio colectivo, como é o da xubilación parcial, que era á vez un dos principais puntos de fricción entre a parte social e a empresarial.

    En virtude do acordo, as persoas con xubilación parcial traballarán só o 25 % da xornada, en vez do 50 %. Isto significará un ano menos de traballo efectivo. Tamén implicará a conversión de contratos temporais en indefinidos.

    O comité decidiu non impugnar os pregos de contratación para evitar que iso atrase a licitación, co compromiso de que as negociacións se retomarán en canto se produza a adxudicación e con carácter retroactivo a xaneiro do 2021.

    Por último, desde CCOO apuntan que o novo contrato terá unha longa duración —dez anos, prorrogables cinco máis—, porque se prevé realizar un grande investimento para modernizar a frota de vehículos e o xeito de prestar o servizo. «Isto, necesariamente, tamén debe implicar a mellora das condicións salariais e laborais, xa que é unha cuestión de dignidade», conclúe Santos.