Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Galicia segue perdendo poboación activa «e non se albisca a recuperación», alerta CCOO

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia alerta de que a comunidade autónoma segue perdendo poboación activa «e non se albisca a recuperación». A secretaria de Emprego, Maica Bouza, explica que os datos da última enquisa de poboación activa (EPA) constatan que Galicia é onde máis medra o paro no Estado, con 15 700 persoas desempregadas máis, e está na sexta posición canto a emprego destruído, con 21 100 menos.

    29/04/2021.
    Maica Bouza Seoane, secretaria de Emprego de CCOO

    Maica Bouza Seoane, secretaria de Emprego de CCOO

    Para a dirixente sindical, son «moi malos datos» porque 2021 debería ser o ano da recuperación e porque a dinámica do mercado laboral tamén está axudando a perder poboación activa (5400 menos). Isto significa que un «número considerable» de persoas «non atopa en Galicia resposta a súas expectativas de atopar traballo e desenvolver un proxecto de vida».

    A secretaria de Emprego de CCOO matiza que «este trimestre adoita ser negativo», xa que se axusta o emprego estacional da campaña de Nadal, ao que se suma o impacto das restricións aplicadas para controlar a pandemia.

    Con todo, a realidade é que se perde emprego en todos os sectores produtivos, «non só nos afectados polos axustes de emprego ou polas restricións». En opinión de Bouza, isto «corrobora» o que CCOO leva tempo denunciando: «cómpre mudar o noso tecido produtivo, lastrado por distintas eivas».

    A secretaria de Emprego de CCOO critica a ausencia dunha política sectorial por parte da Xunta de Galicia, especialmente no ámbito industrial, «que ten un efecto tractor sobre o resto dos sectores e, polo tanto, sobre o emprego».

    Neste sentido, Bouza lembra que nos datos de ocupación están incluídos os traballadores e traballadoras en ERTE en Galicia, mecanismo que ao remate de marzo daba cobertura a 34 759 persoas (2867 por causas técnicas ou organizativas, 5956 de forza maior e 25 936 nos de limitación ou impedimento). «Os ERTE son unha medida importantísima para o mantemento do emprego, froito do diálogo social estatal, recentemente renovado; sen ela, os datos analizados hoxe serían moito máis negativos», sinala a sindicalista.

    Análise da EPA

    Os datos da enquisa de poboación activa reflicten que o número de persoas ocupadas baixou en 21 100 no primeiro trimestre de 2021 respecto ao mesmo período do ano anterior; un descenso do 1,96 %, fronte a un 0,71 % da media estatal. 

    A perda de emprego bate con máis forza nos homes que nas mulleres —7900 ocupadas menos fronte a 13 300 ocupados menos— como consecuencia da maior baixada da ocupación nos sectores con maior presenza de empregos masculinos. Galicia é a sexta comunidade autónoma que máis emprego perde neste trimestre.

    O emprego baixa en todos os sectores: hai 5800 persoas ocupadas menos na industria, 5600 nos servizos, 5300 na construción e 4400 na agricultura. Aínda que en valores absolutos amosen case todos un descenso similar, en termos relativos a caída é maior na construción, que perde un 7 % do emprego que tiña ao remate do 2020; séguenlle o primario (-6,2 %), a industria (-3,3 %) e os servizos (-0,7 %).

    Polo tipo de xornada, a perda de poboación ocupada concentrouse na completa con 22 100 persoas ocupadas menos, mentres que a ocupación a xornada parcial medra en 1000 persoas.

    No que atangue ao emprego por conta allea, no primeiro trimestre de 2021 había 19 900 persoas asalariadas menos ca no trimestre anterior. A destrución de emprego concéntrase no sector privado, con 16 900 persoas asalariadas menos, mentres que o público perde 3100. Pérdese emprego indefinido e temporal: caen en 12 600 os empregos temporais e en 7300 os indefinidos.

    Comparativa interanual e trimestral

    O número de persoas con emprego en Galicia, ao remate do primeiro trimestre de 2021, era de 1 059 800, é dicir, 23 200 menos que hai un ano. En termos porcentuais, o emprego cae en Galicia un 2,1 %, mentres que no Estado a diminución é do 2,4 %. A taxa de ocupación galega é un punto inferior á dun ano antes (45,3 %).

    O paro medra na comparativa trimestral, con 15 700 persoas paradas máis, e tamén aumenta a taxa de paro, que se sitúa no 13 %. No primeiro trimestre de 2021 había 158 300 parados e paradas en Galicia, dos cales 74 700 son homes e 83 600 mulleres. Dese total, o 44,7 % (79 800) son de longa duración.

    Na media estatal, o desemprego redúcese en 65 800 persoas neste trimestre, o contrario do que acontece en Galicia, que se sitúa como a comunidade autónoma onde máis sobe o paro. En termos anuais, o paro medra en 1500 persoas (0,97 %), porcentaxe inferior á media estatal onde a suba é dun 10,3 %.