Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO denuncia que Medio Rural «vende fume» coas brigadas de investigación forestal

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO denuncia que a Consellaría do Medio Rural «vende fume» coas brigadas de investigación forestal, compostas por 15 axentes, que anunciou nos medios de comunicación. O sindicato coida que a medida sería «un acerto» se non fose porque a dita unidade estará formada por persoas escollidas «a dedo» e detraendo os efectivos «do xa escaso cadro de persoal» que constitúen os axentes forestais e medioambientais.

    26/05/2021.
    Incendio rexistrado na comarca de Compostela na primavera de 2021

    Incendio rexistrado na comarca de Compostela na primavera de 2021

    A FSC-CCOO lembra que o cadro de persoal é o mesmo desde os anos oitenta do século pasado, composto en total por 392 efectivos. «E xa se fala de que pretenden compartimentalos», encargándose uns dos montes e outros dos incendios. «Este modelo xa se probou nos noventa e foi un fracaso».

    O sindicato advirte, así mesmo, do avellentamento do cadro de persoal. «A propia Xunta sinala nos seus informes que a media de idade supera os 55 anos», polo que cómpre «avanzar na renovación xeracional», sinala Comisións.

    Desde a FSC-CCOO tamén se preguntan en que quedou a promesa da Xunta de crear 37 prazas para estas brigadas de investigación. Destes postos de traballo —máis do dobre dos anunciados nos medios de comunicación— afirmouse no seu día que serían de nova creación e non detraídos do corpo actual.

    Comisións Obreiras «non pode dar o visto e prace» a un sistema —a designación a dedo— «que vulnera todos os principios que rexen a función pública, pois non respecta nin a igualdade, nin o mérito, nin a capacidade e, moito menos, a publicidade».

    Canto á publicidade, CCOO rexeita a falta de diálogo por parte da Administración e repróchalle que non atendese as solicitudes de reunión do sindicato, a última delas o pasado 23 de novembro. «A non ser que o conselleiro entenda publicidade abonda estar vendendo fume nas redes sociais e nos medios de comunicación, mentres despreza o diálogo cos axentes sociais».