Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia a falta de diálogo de Medio Rural e rexeita as acusacións do director xeral de Defensa do Monte

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO denuncia a falta de diálogo por parte da Consellaría do Medio Rural, cuxos responsables «prefiren botarlles a culpa dos problemas aos traballadores e traballadoras, así como aos sindicatos, antes que ofrecer solucións». Así mesmo, Comisións esixe que o director xeral de Defensa do Monte se desculpe polos termos en que se referiu ao sindicato na súa recente intervención no Parlamento de Galicia.

    31/05/2021.
    Moitos dos vehículos do parque móbil acumulan décadas e desgaste | Foto: Arquivo CCOO

    Moitos dos vehículos do parque móbil acumulan décadas e desgaste | Foto: Arquivo CCOO

    O pasado venres, día 28, durante a súa comparecencia na Comisión 7.ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, Manuel Rodríguez reprochoulle a CCOO non ser unha «fonte seria e acreditada» en relación coa polémica pola creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

    CCOO afirmara que as 15 prazas, ademais de non ser de nova creación, serían asignadas «a dedo», postura que o sindicato reitera, xa que non se cumpren os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que deben rexer na función pública. «E non nos desdicimos das críticas porque tanto o conselleiro como o director xeral aseguran que serán persoas concretas e de libre elección persoal», insisten desde a organización sindical.

    Na mesma liña, o Plan de Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga), «documento con nula participación social e agochado ata o último momento», recolle a creación doutras tres prazas para a UIFO, sen que houbese negociación cos axentes sociais.

    A FSC-CCOO tamén lamenta que o conselleiro, José González, afirmara o sábado en distintos medios de comunicación que non se axustaban á realidade as denuncias de CCOO polo obsoleto e perigoso estado do parque móbil, e que as fotografías difundidas polo sindicato se centraban no material máis antigo.

    O sindicato pídelle «prudencia» ao conselleiro á hora de facer este tipo de declaracións e sinálalle que «se hai fotografías é porque ese material existe». Así mesmo, desde CCOO explican que o parque móbil da Consellaría ten máis de novecentos vehículos, dos cales trescentos teñen máis de quince anos e superan os 200 000 quilómetros, pero hai moitos que se matricularon hai máis de tres décadas e superan o medio millón de quilómetros.

    Por último, desde CCOO reiteran o chamamento a Medio Rural para crear unha atmosfera de negociación para «acadar os consensos que se precisan no ámbito desta Consellaría», algo ao que non contribúen nin este «clima de hostilidade», nin a falta de interlocución cos axentes sociais.