Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO pídelles ás empresas «compromiso» coa recuperación do emprego e esixe a derrogación da reforma laboral

  • O sindicato insta a Xunta a tomar medidas para que a mellora conxuntural se converta en estrutural

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) pídelles ás empresas «compromiso coa recuperación da actividade e do emprego de calidade» e insta a Xunta de Galicia a tomar medidas para que a mellora conxuntural se converta en estrutural. Para lograr este obxectivo, CCOO coida «imprescindible» derrogar a reforma laboral do ano 2012, de xeito que se recupere o equilibro na negociación colectiva.

02/06/2021.
Maica Bouza Seoane, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza Seoane, secretaria de Emprego de CCOO

Os datos publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE) reflicten unha caída do paro rexistrado de 5472 persoas no mes de maio, isto é, unha redución do 3,2 %. En Galicia, había no mes de maio 165 306 persoas desempregadas, un 13,49 % menos que o mesmo mes do ano anterior.

A afiliación á Seguridade Social no último día de maio medra en 9256 persoas (+0,92 %) respecto ao mesmo período do mes anterior; esta cifra supera lixeiramente a variación da media mensual (+8543 persoas) e indica que nos últimos días do mes tamén se creou emprego. En calquera dos casos, a afiliación sitúase por riba do millón de persoas afiliadas.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, trátase dun «bo dato» en termos cuantitativos, pois baixa o paro e medra a afiliación, «como adoita suceder neste mes do ano en que se inician as contratacións para a temporada estival». Na recuperación da actividade tamén influíu o menor alcance das medidas para conter a pandemia, debido á mellora da situación sanitaria.

Datos do paro rexistrado

A contratación medra no mes de maio: fanse 911 contratos máis que en abril; é dicir, un incremento do 1,39 % que é case dez veces inferior ao rexistrado no conxunto do Estado. «Isto indica que a recuperación da actividade económica é menor en Galicia», advirte Bouza. Se a situación sanitaria en Galicia mellora e se levantan as restricións, pero a actividade non o fai coa mesma intensidade, «quere dicir que temos eivas sen resolver no noso tecido produtivo», explica.

Malia que os datos de emprego son bos en termos cuantitativos, «non o son do punto de vista cualitativo», lamenta Bouza. Creouse emprego, pero fundamentalmente precario: dos 66 536 contratos rexistrados, 60 148 foron temporais. Ademais, os contratos indefinidos caen un 14,4 %, mentres que os temporais aumentan un 3,4 % e supoñen o 90 % do total dos rexistrados.

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, o «escudo social» dos ERTE e as liñas de axudas aos sectores afectados —tanto estatais como autonómicas— serviron para manter a actividade e o emprego. «Os traballadores e traballadoras contribuíron á recuperación; nuns casos, co seu emprego e noutros, cunha rebaixa das súas condicións laborais e, no mellor dos casos, percibindo o 70 % do salario durante moitos meses», resume a sindicalista.

Análise por sexos e sectores

O desemprego feminino redúcese (2640 paradas menos) menos que o masculino (2832 desempregados menos), o que se traduce en que as mulleres supoñen un 57,9 % do desemprego galego. O paro baixa menos entre as persoas de menor idade (cae en 675 persoas) que entre as maiores (4797 desempregadas menos). Por sectores, o paro baixa en todos pero, sobre todo, no dos servizos (4066 menos), na construción (-588), na industria (-527), no sector primario (-61) e no colectivo sen emprego anterior (-230). 

Análise da contratación

En maio rexistráronse en Galicia 66 533 contratos, dos cales 60 148 foron temporais; isto é, dez de cada cen contratos foron indefinidos. En termos mensuais, a contratación sobe un 1,39 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 115,51 %.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual sobe en +8543 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 010 528. Deste total, 782 127 corresponden ao réxime xeral, 206 687 ao de autónomos e 19 714 ao do mar. En comparación cos datos do último día de mes, a afiliación medra en +9256 persoas, ata situarse en 1 008 995 afiliados e afiliadas.

Prestacións por desemprego

En abril cobraron algún tipo de prestación por desemprego 102 893 persoas: 48 031 foron prestacións contributivas e 54 862 subsidios.

Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central. Ao remate de maio, deron cobertura a 22 863 persoas (4135 menos que en abril). Por tipoloxías, 2759 eran por causas técnicas, organizativas ou de produción (ETOP, 49 menos que no mes anterior), 4732 de forza maior (1931 menos) e 15 372 de limitación ou impedimento (3581 menos).